Reducir perdas de auga na rede municipal, obxectivo a catro anos en Barro

Barro
27 de setembro 2024

Segundo unha auditoría elaborada polo propio Concello, as fugas actuais sitúanse nun 47%, e o obxectivo é reducilas a un máximo do 20%. Unha parte significativa das perdas débese a consumos non contabilizados en instalacións públicas. Para evitar esta situación, o pleno aprobou un plan a catro anos de intervencións

Sesión plenaria de Barro en setembro de 2024
Sesión plenaria de Barro en setembro de 2024 / Concello de Barro

O Concello de Barro aprobou por unanimidade un plan a catro anos para minimizar as perdas de auga na rede de abastecemento municipal.

Segundo unha auditoría elaborada polo propio Concello, as fugas actuais sitúanse nun 47%, e o obxectivo é reducilas a un máximo do 20%.

A auditoría, subvencionada por Augas de Galicia, revela que unha parte significativa das perdas débese a consumos non contabilizados en instalacións públicas, como centros educativos, deportivos e a propia Casa Consistorial.

José Sanmartín, tenente de Alcalde e concelleiro de Obras e Servizos, anunciou a implementación de once medidas a partir do vindeiro ano. Entre elas destacan:

  • Control de contadores en remoto
  • Renovación de contadores con máis de doce anos
  • Campañas para detectar fugas na rede
  • Colocación de redutores de presión en dúas zonas do sector de San Antoniño

 

Sanmartín sinalou que a alta presión da rede está relacionada coas recentes roturas encadenadas en diversos puntos, as cales foron resoltas con prontitude.

Este plan busca mellorar a eficiencia no uso da auga e reducir as perdas na rede municipal..