Redes sociais, drogas, sexualidade e hábitos de estudo abordaranse nos Obradoiros Familiares

Pontevedra
03 de abril 2023

Os talleres desenvolveranse na Sala Valdecorvos da Casa Azul en horario de 17:00 a 18:30 horas e de 19:00 a 20:30 horas, contando cunha ludoteca para nenos maiores de 2 anos coa finalidade de facilitar a conciliación familiar

Entrada ao instituto Sánchez Cantón
Entrada ao instituto Sánchez Cantón / Mónica Patxot

A Concellería de Benestar Social porá en marcha a vindeira semana na Sala Valdecorvos da Casa Azul (rúa Sor Lucía, 2) os seus Obradoiros Familiares cunha programación centrada nas redes e o mundo virtual, a prevención do consumo de drogas, a sexualidade e o papel das familias nos hábitos de estudo.

Estes obradoiros serán impartidos por profesionais expertos en Educación e Prevención e neles se abordarán temas de interese de xeito monográfico e intensivo en sesións de hora e media de duración. 

Están pensados como actividade complementaria ao talleres de Prevención de Condutas Adictivas e de Educación para a Saúde que se realizan nos institutos e centros de Primaria da cidade (incluídos na estratexia do Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas) e como un espazo puntual de reunión para as familias, coa finalidade de traballar con toda a comunidade educativa desde unha perspectiva integradora.

Estes obradoiros desenvolveranse de xeito presencial os xoves 13, 20 e 27 de abril e 4 de maio, ofrecéndose dúas posibilidades horarias para facilitar a asistencia ás persoas interesadas: unha de 17:00 a 18:30 horas e outra de 19:00 a 20:30 horas.

A inscrición pode facerse a un ou a tódolos obradoiros, en función dos intereses neste enderezo planadiccions@pontevedra.eu, e os que se desenvolvan en horario de 17:00 a 18:30 horas contarán cunha ludoteca para nenos no mesmo edificio (Casa Azul) para facilitar a conciliación familiar.