A Casazul acolleu este xoves unha reunión da Redeaxuda para valorar o destinos dos cartos do premio ONU Hábitat que o goberno local acordou entregar á esta rede de entidades que traballan no eido social.
As necesidades son moitas e cada asociación fixo as achegas que considerou oportunas pero a conclusión unánime foi a de buscar algunha actuación o máis concreta posible para poder garantir a máxima eficacia e seguimento dos resultados.
As propostas concretas resúmense en tres:
- Dotarse dun fondo de 3.000 euros para atender urxencias, fundamentalmente de gastos de farmacia, xa que son necesidades novas que non estaban recollidas nos criterios das axudas de emerxencia. Este fondo nace co ánimo de renovarse ano a ano coas achegas á Redeaxuda.
- Destinar o maior montante posible dos cartos para colaborar coas familias beneficiarias das vivendas de Valdecorvos, sempre que os informes sociais municipais acrediten a necesidade. O programa de axuda será cuantificado en base a prioridades sociais e urxentes e o Concello complementará con partidas propias as cantidades que se precisen para cubrir a totalidade do mesmo.
- De non ser posible a doazón, adquirir unha furgoneta de uso compartido entre as asociacións, imprescindible para o transporte de mobiliario, alimentos e todo aquilo que cada asociación precise.
As asociacións que constitúen a Redeaxuda manifestaron tamén o seu agradecemento polo destino final do premio e permanecen abertas a recibir outros premios futuros, co ánimo de seguir facendo unha cidade onde as persoas sexan as protagonistas.