Recuperar o río Gafos ao seu paso por Campolongo custará 4,6 millóns de euros

Pontevedra
20 de marzo 2025
Actualizado: 21 de marzo

O prazo estimado para a execución desta obra é de 12 meses. "Trátase dun esforzo económico importante", recoñeceu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores

Proxecto de destape do río Gafos
Proxecto de destape do río Gafos / Concello de Pontevedra

Os responsables da empresa Calco, Territorio e Urbanismo presentaron este xoves no Concello de Pontevedra o proxecto que elaboraron para destapar o río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo, que terá un custo de 4,6 millóns de euros.

O prazo estimado para a execución desta obra é de doce meses.

"Trátase dun esforzo económico importante", recoñeceu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xa que respecto da achega que ten que facer o Concello "é o dobre do previsto no proxecto inicial".

Nesta presentación, Lores acompañou a este equipo multidisciplinar composto por profesionais expertos en espazo urbano, paisaxismo, ecoloxía, enxeñaría hidráulica e civil así como patrimonio.

O seu reto vai máis aló de descubrir 3.800 metros cadrados de río que agora esta canalizado baixo terra. Trátase tamén de recuperar unha diversidade de hábitats distinguindo o propio río e a zona inundable da zona de ribeira, o paseo fluvial e o parque.

"Hai que restaurar desde cero un ecosistema que agora non existe", explicaron.

Proyecto de destape del Gafos
Proxecto de destape do Gafos Concello de Pontevedra

O formigón retirarase completamente e substituirase parcialmente por granito perpiaño de cor gris. O formigón retirado do río será triturado para logo ser utilizado na construción dos camiños e sendeiros fluviais.

A súa proposta creará máis de 3.100 metros cadrados de zona arbustiva e 690 metros cadrados de pradaría natural.

Plantaranse 98 novas árbores, duplicando a cifra actual, e 290 plantóns de salgueiro obtendo uns 700 metros cadrados de cobertura arbórea, un aspecto fundamental á hora de xerar sombras e de controlar as ondas de calor na cidade. A maioría das especies son de folla caduca.

Na zona da escola infantil Crespo Rivas e o colexio de Campolongo instalarase unha protección con varandas de aceiro inoxidable e con franxas vexetais para evitar caídas.

Neste espazo haberá unha gran pasarela de 12 metros de ancho, con mobiliario urbano. O equipo redactor chamou a este punto a 'Praza dos reencontros'.

O fito máis impactante do proxecto sitúase na zona do hórreo de Campolongo onde agora mesmo a canalización do río fai un ángulo recto e cruza a estrada.

Este trazado cámbiase para que sexa curvo, máis natural e favorable para conter a velocidade da auga.

Aquí crearanse uns paseos recreativos cerca do río con árbores e pradaría natural, lembrando a illa que creaba antigamente o Gafos neste espazo.

O equipo redactor destacou a mellora hidráulica que supón esta solución porque "estamos a protexer dese risco de inundación".

Ademais renovaranse os 550 metros lineais que hai de canalizacións obsoletas.

"Toda a zona contará cunha altísima calidade urbana e, ademais, queremos que o proxecto teña un carácter urbano real, tendo en conta as circulacións peonís, a seguridade e a mobilidade, ademais, de contar con accesibilidade universal", indicaron.

"Penso que fixemos un traballo que vai quedar moi ben. Nós estamos moi contentos, esperamos que vos guste", dixo un dos portavoces de Calco.

O Concello de Pontevedra organiza para este venres, 21 de marzo, ás 20.00 horas, un acto público no Teatro Principal no que este equipo multidisciplinar que redactou o proxecto de renaturalización do río Gafos presentarao a todas as entidades que desexen coñecelo e a toda a cidadanía da Boa Vila.

"Creo que é preciso ter conciencia da importancia de poñer en valor o noso patrimonio, sexa natural ou cultural. Son consciente das dificultades que isto conleva, en moitas ocasións, como a idea de actuar con sentidiño e con realismo, sendo conscientes sempre das posibilidades coas que contamos", indicou o alcalde.