O Concello de Sanxenxo xa conta co proxecto para recuperar o leito do río de Areas e protexer o espazo dunar que se viron afectados polos temporais do inverno. A actuación terá un custo de case 37.000 euros e será preciso o permiso de Costas para poder executala.
Como traballos previos, realizouse un voo fotogramétrico do areal que estima que o volume de terras da escavación é de 2.293 metros cúbicos.
Os traballos organízanse en catro actividades fundamentais: En primeiro lugar está a escavación dun novo leito para devolver a desembocadura a estado natural. A continuación procederase ao recheo de area do actual leito con material procedente da escavación.
Terase logo que recolocar uns 10 metros do dique que se desmoronou tras os temporais.
Finalmente acometerase a limpeza do leito no seu tramo inicial ata a súa bifurcación co novo leito xurdido tras os temporais. Unhas tarefas nas que se debe respectar a vexetación existente, fundamentalmente o Carrizo (Phragmites australis), xa que serve como elemento de retención da area. A zona de limpeza de leito abarcará uns 60 metros lineais de río.
Nos traballos intervirán unha retroexcavadora retirando o material, o cal posteriormente será trasladado mediante dúmper motovolquete cara á zona de vertedura. Para a zona de recheo empregarase unha pa mixta para a súa distribución e explanación. En canto á recolocación de dique realizarase con retroexcavadora. Para o inicio da obra deberán quedar definidos e executados o cerramento perimetral da praia na contorna das obras, os accesos e as delimitacións exteriores.