Recuperan o corpo dun home que caeu ao río Verdugo mentres cruzaba dacabalo

Pontevedra
17 de xuño 2023
Actualizado: 22:28

O helicóptero Pesca 1 dos Gardacostas de Galicia localizou sobre as 22.00 horas deste sábado o corpo sen vida dun home que levaba desaparecido tres horas, desde as 19.05 da tarde, no río Verdugo tras caer á auga mentres cruzaba dacabalo. Pouco despois, foi rescatado da auga por uns buzos da Garda Civil

Helicóptero implicado na procura en Ponte Sampaio / PontevedraViva

O helicóptero Pesca 1 dos Gardacostas de Galicia localizou sobre as 22.00 horas deste sábado o corpo sen vida dun home que levaba desaparecido tres horas, desde as 19.05 da tarde, no río Verdugo tras caer á auga mentres cruzaba dacabalo. Pouco despois, foi rescatado da auga por uns buzos da Garda Civil.

Un amplo dispositivo de emerxencias traballaba desde pasadas as sete da tarde deste sábado na contorna do río Verdugo na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio e na de Arcade (Soutomaior) para buscar este xinete.

Ata a zona desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Pontevedra e O Morrazo, o GES de Mos, Proteccion Civil de Soutomaior, as policías Local e Nacional e a Garda Civil, ademais dunha ambulancia do 061 para atender aos acompañantes deste home.

O desaparecido é un home de 63 anos veciño de Fornelos de Montes e na súa procura implicouse tamén un helicóptero que percorreu o río Verdugo entre a Xunqueira de Ponte Sampaio e o lugar da desaparición, na contorna da Casa de Masó, na parroquia de Comboa, en Soutomaior.

Fuentes da Garda Civil explicaron que o home apareceu na mesma zona na que desaparecera.  No momento no que foi localizado, baixara a marea con respecto ao momento inicial e foi máis fácil localizalo. 

Segundo a información facilitada pola Garda Civil, este home estaba a realizar un roteiro cabalar pola contorna do río Verdugo, nunha zona entre Ponte Sampaio (Pontevedra) e Arcade (Soutomaior), cando se meteu no rio e caeu á auga.

O cabalo saíu da auga, pero non o xinete, que todo apunta a que puido darse un golpe durante a caída ou puido golpealo o cabalo. 

As persoas que acompañaban a este xinete escoitárono pedir auxilio e non o viron saír da auga, de modo que deron aviso ás Forzas de Seguridade para que se montase un operativo de procura.