A recta final do ano chega a Soutomaior cun plan de asfaltados polos barrios

Soutomaior
12 de novembro 2024

Aproveitando estes traballos, están procedendo á limpeza de cunetas e o desatascamento das tubaxes que pasan por debaixo de cada estrada, levando así a cabo o mantemento do sistema de pluviais

Manu Lourenzo e Pablo Garrido visitan o barrio da Feira
Manu Lourenzo e Pablo Garrido visitan o barrio da Feira / Concello de Soutomaior

A recta final do ano chega a Soutomaior cun plan de asfaltados nas estradas municipais dos barrios de Moreira, A Feira e Lourido e na explanada de acceso ao campo de fútbol de Salgueirón

Aproveitando estes traballos, tamén están procedendo á limpeza de cunetas e o desatascamento das tubaxes que pasan por debaixo de cada unha das estradas, levando así a cabo tarefas de mantemento do sistema de pluviais.

Segundo a información facilitada polo alcalde, Manu Lourenzo, trátase dunha actuación integral que se desenvolverá en varias fases, co obxectivo de "ir chegando pouco a pouco a todos os puntos do concello".

O alcalde e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, achegáronse este martes ata o barrio da Feira para supervisar o avance nos traballos na zona.

Lourenzo sinalou que este plan de asfaltados ten por obxectivo que os barrios de Soutomaior teñan unhas estradas municipais "en boas condicións". 

No caso do sistema de pluviais, explicou que estes traballos permiten comezar a "corrixir todas as súas eivas", producidas "tras moitos anos dunha deficiente planificación e mantemento".

En paraleo, o Concello púxose en contacto con outras institucións que teñen estradas en titularidade para que leven a cabo o seu mantemento, pois consideran que o rural "ten dereito a contar cunhas infraestruturas que lles permitan vivir o seu día a día nas mellores condicións".