Recreación da botica de Perfecto Feijoo baixo a chuvia

Pontevedra
02 de marzo 2017

O mal tempo provocou que o loro Ravachol non se achegara ata a botica na recreación que estaba prevista durante a tarde do mércores na praza da Peregrina. As actividades desenvolvéronse na Ferrería na contorna da carpa do Entroido

Recreación da Botica de Perfecto Feijoo baixo a chuvia
Recreación da Botica de Perfecto Feijoo baixo a chuvia / PontevedraViva

As fortes precipitacións que caeron ao redor das 19.00 horas da tarde deste mércores 1 de marzo  evitaron que se puidese desenvolver con normalidade a recreación da botica de Perfecto Feijoo.

O loro Ravachol evitou presentarse para non mollar as súas plumas. Quen si se mollaron foron os integrantes do Coro Seitura, os actores da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra e o escaso público que acudiu a esta cita. Todos tiveron que se desprazar ata a praza da Ferrería para non enchouparse e poder gorecerse baixo a carpa do Entroido.

Alí, os músicos interpretaron varias pezas e cando os chuvascos o permitiron, os integrantes da Aula de Teatro desenvolveron xogos con menores e con adultos ao longo da praza da Ferrería.

Está previsto que o loro Ravachol faleza este sábado 4 e sexa despedido e incinerado ese mesmo día na Ferrería, se o tempo o permite.

Durante este mércores festivo local, en Campañó celebrábase a tradicional Corrida da Rosca cun desfile infantil, do mesmo xeito que en Monte Porreiro, os escolares tiveron a súa festa.

Arquivado en