'Recoñecer Bueu' esta primavera cunha serie de rutas pola historia e a cultura

Bueu
15 de abril 2025

Os percorridos arrancarán o 26 de abril con 'Intermareal de Agrelo' e continuarán o 11 de maio con 'Massó, a orixe' e o 15 de xuño con “Ermelo, berce do Morrazo”. Serán de balde previa inscrición

Presentacion das rutas 'Recoñecer Bueu'
Presentacion das rutas 'Recoñecer Bueu' / Concello de Bueu

Esta primavera, as persoas interesadas en coñecer Bueu poderán facelo a través do programa 'Recoñecer Bueu',  organizado polo Concello e pola asociación A Illa dos Ratos e que inclúe unha serie de rutas para poñer en valor a historia e a cultura dalgúns espazos da vila.

A iniciativa presentouse este martes nun acto cos concelleiros Silvia Carballo, Carmen García e Alberto Moital e con Óscar Rodríguez, en representacióin de A Illa dos Ratos.

O programa comezará o próximo 26 de abril cunha ruta titulada 'Intermareal de Agrelo'. Estará guiada por Lucía Sotelo, oceanógrafa da asociación, e percorrerá o entorno natural no que se atopan as praias de Loureiro, Agrelo e Portomaior. 

Continuará o 11 de maio con 'Massó, a orixe', que contará a historia da conserveira Massó dende a chegada de Salvador Massó Palau a Bueu en 1816, con especial atención a evolución da súas actividades industriais. 

Rematará o 15 de xuño con 'Ermelo, berce do Morrazo'. Poñerase en valor a importancia histórica deste núcleo a través dunha viaxe no tempo que partirá do Concilio II de Braga, onde xa se falaba deste lugar como o "berce do Morrazo".

Todas as rutas sairán ás 10 horas da mañá e precisan inscrición previa de balde no teléfono 611080853, cun límite de 35 persoas por percorrido.

O obxectivo das rutas é, segundo Óscar Rodríguez, que as persoas poidan coñecer dende un enfoque natural, cultural e etnográfico os diversos lugares de Bueu.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou que "para nós é moi importante desestacionalizar o turismo e cremos que estas rutas axudan a que a veciñanza poida coñecer a historia e os espazos".

Alberto Moital, responsable de patrimonio, avanzou que dende o Concello están renovando a sinaléctica das rutas patrimoniais e das de lugares que se atopan en mal estado.