Recoñecemento público ás persoas doantes e ás súas familias: "Un doante pode salvar cinco vidas"

Pontevedra
16 de maio 2024

A entrada ao Hospital Provincial acollía este mércores 15 un acto de homenaxe organizado polo Grupo 'Vida pola vida', integrado por Alcer Pontevedra, Adrovi, Detradi, Asampo e Frank Gil. Estes colectivos invitan a reflexionar sobre a importancia das doazóns para salvar vidas e agradecen aos profesionais de Enfermería o labor que realizan

Acto de agradecemento a persoas doantes e persoal sanitario, no Hospital Provincial
Acto de agradecemento a persoas doantes e persoal sanitario, no Hospital Provincial / Área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, SERGAS

Cun acto no vestíbulo de entrada do Hospital Provincial, o grupo 'Vida pola vida', integrado polas asociacións ADROVI, ALCER Pontevedra, DETRADI, ASAMPO e Frank Gil, querían agradecer aos doantes de órganos e ás súas familias a xenerosidade que permite que outras persoas poidan continuar vivindo.

Ao mesmo tempo, este conxunto de agrupacións querían manifestar o seu agarimo aos profesionais de Enfermería "por salvarnos a vida", así o manifestaba Celso García, presidente da Asociación de doantes e receptores de órganos de Vigo (ADROVI), durante o acto no que se atopaban presentes José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, ademais do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Cando espertas dun transplante a voz lévate a dicir "mamá". Fíxate o que son para nós as enfermeiras", manifestaba Celso García a PontevedraViva. "*É un recoñecemento a elas e ao sistema sanitario", sinalaba o presidente de ADROVI.

En canto á necesidade de sensibilizar á poboación para que se incremente o número de doantes, Celso García recoñece que "loitamos sempre para sensibilizar. Que pasa? que cando non toca dentro da familia ou a alguén cercano parece que non importa" e lembra que o único requisito "é ter vontade de doar e nada máis".

Carlos Sánchez, representante de DETRADI Galicia (Asociación Galega de Deportistas Trasplantados e en Diálise), é un exemplo de receptor de órganos que logrou seguir a súa vida con éxito. Foi trasplantado de fígado hai agora dez anos e uns meses. 

Admite que, ao principio, se presentaban os riscos normais neste tipo de intervencións debido ás múltiples infeccións que poden xurdir. "Hai que ter coidado. Levamos unha medicación moi forte, pero vas incorporándote á vida, ás prácticas habituais".

"A doazón é unha chave que abre a porta á esperanza", indica sinalando que actualmente Galicia conta cun número de doazóns similiar ao resto de España. "As negativas cada vez son menos", recoñece.

O seu colectivo promove as doazóns a través da práctica deportiva. "Despois do transplante hai vida e de calidade", sinala Carlos Sánchez expoñendo que el segue practicando atletismo ata o punto de converterse en campión galego e máster nalgunhas disciplinas, logrando ser campión de España no lanzamento de xavelina e acudir como representante español ao campionato de Europa celebrado en Italia.

Como sinala Celso García Estévez, "un doante pode salvar ata cinco vidas" e lembran que esas persoas pasan a converterse en heroes anónimos que melloran innumerables vidas.