Recoñecemento póstumo e unanimidade corporativa compendian un pleno extraordinario en Pontevedra

Pontevedra
23 de agosto 2024

Os tres grupos municipais fixeron públicas as súas condolencias e recordo ao que foi concelleiro do PP, Gerardo Pérez Puga. Aprobouse por unanimidade unha modificación de crédito para o proxecto do edificio de emerxencias e a posta en marcha do coche de punto

Pleno extraordinario de agosto en el Concello de Pontevedra
Pleno extraordinario de agosto en el Concello de Pontevedra / Cristina Saiz

A Corporación de Pontevedra iniciou o pleno extraordinario celebrado este venres 23 cun minuto de silencio en memoria do concelleiro do PP Gerardo Pérez Puga, cuxo asento permanecía baleiro durante a sesión. Antes, o alcalde Miguel Anxo Fernández agradeceu "o seu traballo como concelleiro desde 2018 nunha cidade que nos consta amaba profundamente". 

En nome do grupo socialista, Iván Puentes trasladou a mensaxe "de agarimo e solidariedade á familia, amigos e compañeiros" lembrando momentos de traballo compartidos nos que "discutimos pero tamén rimos". Eva Vilaverde tomou a substitución polo BNG, trasladando á familia "condolencias, ánimo e forza para afrontar a perda" e o agradecemento ao concelleiro falecido "por defender desde o respecto os intereses dos veciños".

O portavoz popular, Rafael Domínguez, pronunciou un emotivo obituario sinalando que "Pontevedra perde un político, o Concello un concelleiro e eu a un amigo de verdade" e describindo a Gerardo Pérez como "un home que nunca buscou o recoñecemento persoal". Igualmente trasladou as condolencias aos seus familiares, que estiveron presentes no Teatro Principal.

Con motivo desta perda na Corporación de Pontevedra, na sesión aprobouse por unanimidade a proposta de incorporación de Raquel Martínez Lorenzo como concelleira do PP e dada a renuncia de Jorge Damián García-Borregón Millán que lle precedía na candidatura popular. 

Modificación de crédito

O espírito unánime traduciuse tamén na votación da modificación de crédito mediante un crédito extraordinario e un suplemento de crédito necesarios para a futura construción do edificio de emerxencias e a posta en marcha do coche de punto que require unha consignación de 80.000 euros. O total da operación de crédito é de 1.572.606 euros

O concelleiro de Facenda, Raimundo González, lembrou que a parcela adquirida na rúa Camposanto de San Amaro ten unha superficie de 17.534 metros cadrados e a construída 6.224 metros cadrados repartidos en varios edificios. O seu valor catastral é de 862.105 euros e o prezo de venda negociado 1.200.000 euros sen impostos, polo que hai que consigar igualmente os gastos xurídicos, impostos e a contratación de tres estudos técnicos. Todo iso eleva a contía a 1.492.606 euros.

Nesa parcela situaranse as dependencias da Policía Local, Protección Civil "e tamén pode ser sede doutros servizos e dependencias do Concello", engadindo González Carballo que "aínda que poida parecer pretencioso é unha ocasión única para que o Concello poida situar servizos importantes dentro do perímetro urbano" e que "significará un cambio substancial para o barrio de San Mauro". Agradeceu, para concluír, a unanimidade de todos os grupos na aprobación deste punto.

O socialista Iván Puentes referiuse aos seguintes pasos deste proxecto para "analizar a idoneidade de rehabilitar as construcións existentes ou facer un novo edificio" e neste sentido adiantou o voto favorable do seu grupo se fose necesaria unha modificación do PXOM para modificar a cualificación do chan desta parcela "e poder ter máis versatilidade para facer un edificio adecuado ás necesidades de Policía Local, Protección Civil, e mesmo chegado o caso e se así se determinase, ás de Bombeiros". Instaba así a que se escoite e teñan en conta as súas demandas e a que se consulte co Ministerio do Interior a posibilidade de trasladar a esta parcela a Comisaría da Policía Nacional.

Rafael Dominguez expuxo que "cando se xunta unha necesidade e oportunidade como se presentou" para este proxecto, o criterio do Partido Popular sempre ten que ser favorable. Refería ese voto a favor tamén para a posta en marcha do transporte a demanda, ou coche de punto: "non sen tempo, imos ver se se consegue en breve. Ademais neste caso aínda está a tempo de optar a axudas europeas, por tanto non imos ir en contra dunha decisión que pode traer unha partida económica para a nosa cidade. Haberá tempo en ver os seguintes pasos".