Recomendacións para a retirada de pellets nas praias

O Salnés
09 de xaneiro 2024

Plademar, plataforma creada en 2016 para defender o medio ambiente, alerta das precaucións que se deben adoptar para non causar danos nos areais e á fauna

Zonas afectadas na contorna da ría de Arousa pola presenza de pellets
Zonas afectadas na contorna da ría de Arousa pola presenza de pellets / Plademar Muros-Noia

Plademar, plataforma creada en 2016 para defender o medio ambiente, lanzou un aviso nas redes sociais con recomendacións que deben ser atendidas polas persoas que queren colaborar na limpeza das praias ante a chegada de pellets.

Recomendan que para realizar estas recollidas se vaia en grupos organizados. Ao entrar nos areais é necesario mirar onde se pisa. Explican que os pellets son un material difícil de recoller e entérranse con moita facilidade polo que resulta necesaria moita precaución nestes labores.

Indican que é mellor limpar en grupos para ir "varrendo" a praia e non deixar espazos sen limpar. Aconsellan o uso de luvas máis duras que as de látex, porque este material rompe con facilidade.

Desde esta plataforma explican que se pode utilizar un colador, un tamiz ou unha rede pola que non se filtren os pellets para escoller os pequenos plásticos pero apuntan que a forma máis efectiva de retirada destes elementos é vertiendo o recollido nun capacho con auga. Os pellets flotan e, desta forma, resulta máis sinxelo extraelos.

Non se debe, en ningún caso, escavar na area, só é necesario recoller a parte superficial. Tamén é fundamental non levar a terra restos orgánicos, xa que é alimento para a fauna local. En caso de atopar aves mariñas mortas é necesario avisar ao 112 para a súa retirada.

Os pellets, segundo Plademar, deben gardarse nunha bolsa, caldeiro ou capacho para despois entregalo a quen xestione estes residuos en cada Concello costeiro afectado. Lembran que son produtos industriais e deben depositarse en contedores especiais.

No caso de que aparezan outros plásticos distintos ou calquera outro residuo que se queira recoller, deben almacenarse á marxe dos pellets.

Por último, alertan de que é necesario chamar ao 112 Galicia no caso de que se descubran pellets nunha zona onde se saiba que antes non había ou se se observa a presenza dalgún saco contendo este produto. Desde o 112 determinarán as medidas para adoptar.

Arquivado en