Recollida "sen precedentes" do Banco de Alimentos

Pontevedra
27 de novembro 2020

A pesar de que a 'Gran Recollida' este ano tivo que ser virtual, e a falta de incorporar o resultado dalgunhas cadeas de alimentación, a Fundación Provincial Banco de Alimentos consegue adquirir máis de 400.000 quilos de alimentos

Alimentos chegando aos almacéns da Fundación Provincial Banco de Alimentos
Alimentos chegando aos almacéns da Fundación Provincial Banco de Alimentos / Banco de Alimentos

Nos 25 anos de actividade da Fundación Provincial Banco de Alimentosnunca se conseguiu unha doazón de alimentos tan xenerosa como a desta pasada semana. Unha consecución que se produce ademais no momento máis complicado, por volume de demanda social, e polos condicionantes presenciais para realizar a doazón de alimentos. 

Pendentes de engadir o cómputo procedente dalgunhas cadeas alimenticias, ata o momento na provincia de Pontevedra conseguíronse máis de 400.000 quilos de comida. A cifra é o resultante das doazóns económicas que se realizaron en supermercados durante a semana pasada, as achegas que se fixeron en liña a través da páxina web da Fundación Provincial, a web da Federación Española de Bancos de Alimentos e achegas por Bizum.

Con este resultado, desde a Fundación Provincial Banco de Alimentos agradecen publicamente a solidariedade cidadá: "sabiamos da súa xenerosidade, pero descoñeciamos que este ano 2020 aínda nos gardaba unha sorpresa marabillosa en forma de empatía coas persoas máis golpeadas pola actual crise”.

Nestas semanas irán chegando aos almacéns de Pontevedra e Vigo todos estes produtos básicos que se están adquirindo coas doazóns económicas. Estes produtos encherán a capacidade de ambos os almacéns - que se atopaban sen alimentos - ata a primavera. Distribuiranse na provincia entre 150 ONG.

Como referencia ilustrativa da situación, a Fundación Provincial recibía desde o inicio da pandemia un 40% máis de peticións de axuda. Durante a primeira metade do ano repartiu máis dun millón de quilos de alimentos cos que se puido cubrir o 35% das necesidades dos seus destinatarios.