Recollida de sinaturas de cesión dos terreos para a execución da obra na estrada de Almofrei

Cerdedo-Cotobade
15 de novembro 2021

O proxecto permitirá transformar a estrada provincial EP-0405 entre Xesteira e Almofrei, creando vías seguras para as persoas e para os peóns na totalidade do trazado e nas que inclúen espazos de convivencia con plataformas elevadas nos puntos de maior presión residencial

Recollida de sinaturas de cesión dos terreos para a execución da obra na estrada de Almofrei
Recollida de sinaturas de cesión dos terreos para a execución da obra na estrada de Almofrei

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado polo concelleiro Bruno Portela, recolleu as sinaturas de cesión dos terreos necesarios para que a Deputación de Pontevedra poida proceder a executar oproxecto de ampliación e mellora da estrada de Almofrei, a EP-0405, longamente demandada pola veciñanza e o propio Concello.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou a implicación da veciñanza na localización dos propietarios dos predios afectados pola execución da obra e manifestou o seu desexo de que "con este novo xesto que facemos desde o Concello e desde os veciños de Almofrei non haxa máis atrasos para que esta actuación longamente demandada pola veciñanza e por nós mesmos sexa unha realidade definitiva".

Segundo informaba o rexedor, o proxecto para o cal se están a recoller as sinaturas facilitará un investimento valorado en 957.890 euros e permitirá transformar a estrada provincial EP-0405 entre Xesteira e Almofrei, creando vías seguras para as persoas e para os peóns na totalidade do trazado e nas que inclúen espazos de convivencia con plataformas elevadas nos puntos de maior presión residencial.

As obras executaranse a través dun convenio asinado entre a Deputación e o Concello no que o ente provincial subvencionará o 70 % e a administración local asume o outro 30% para atender a servizos e dotacións de competencia municipal. Ademais, ambas partes acordaron durante a xuntanza que a obra será executada nunha única fase.

A EP-0405 conta cunha intensidade media diaria de 484 vehículos e o deseño converte á estrada entre Xesteira e Almofrei nun auténtico eixe integral de mobilidade no os peóns teñen prioridade, seguidos dos ciclistas, o transporte público e, finalmente, o transporte en vehículo privado. Ten incluídos tres tramos de sendas peonís que suman 842 metros de lonxitude, dúas plataformas elevadas de convivencia que acadan 280 metros e preferencia peonil ao paso polos núcleos e, finalmente, un tramo inicial de 380 metros dotado con cuneta tendida que tamén ofrece boas condicións para o tránsito peonil.

As obras incluirán redutores físicos de velocidade en toda a actuación e nova sinalización horizontal e vertical. Todo o trazado contará cunha nova rede soterrada de recollida de augas pluviais. Ademais, contará con preinstalación para a rede de iluminación pública, así como a reposición de todos os servizos afectados.