Recollen sinaturas para recuperar a atención presencial no centro de saúde de Moraña

Umia
19 de outubro 2020

A organización nacionalista recolleu case duascentas sinaturas por vía telemática nos primeiros dous días

Centro de Saúde de Moraña
Centro de Saúde de Moraña

O BNG de Moraña iniciou esta fin de semana unha recollida de sinaturas pola recuperación da atención presencial no centro de saúde que xa asinaron case 200 veciños no formulario de recollida inserido na web www.bngmoraña.org.

Con esta iniciativa, a organización nacionalista continúa a campaña iniciada a pasada semana de denuncia do grave empeoramento da calidade da atención sanitaria á veciñanza do centro de saúde do concello, esixindo ao Sergas a inmediata reactivación da atención presencial e a mellora de recursos para os profesionais do centro.

Marcos Suárez, voceiro municipal, explica que "esta é unha campaña necesaria, porque a Atención Primaria en tempos de pandemia ten que ser reforzada como porta de entrada, sen recortes, para poder responder ás necesidades de saúde das veciñas e veciños".

Para isto, engade Suárez "é necesario que o persoal sanitario sexa o suficiente e conte cos recursos correspondentes para que as veciñas e veciños doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento".