Este luns 30 e o martes 31 de outubro permanecerá aberto o tradicional mercado das flores situado na praza da Ferrería con motivo do Día de Defuntos e de Todos os Santos. Os chuvascos intensos que se rexistraron durante a xornada provocaron que durante as primeiras horas pouca clientela se achegara pola céntrica praza.
A situación provocou o malestar entre algunhas das persoas que venden flores que demandan a instalación dunha carpa por parte do Concello.
É o caso de Mercedes e José, dous dos vendedores máis veteranos, que instalan a súa caseta nesta cita desde fai máis de corenta anos e xa os seus pais e os seus avós cultivaban e vendían flores de defunto en Pontevedra. "Pedimos unha carpa ao alcalde e non a puxo", sinala Mercedes, notablemente enfadada.
"Unha carpa era ben para o pobo e para todos, porque o sitio está ben pero necesita unha carpa. Daría vida a Pontevedra", explica José. Pola súa banda, Mercedes engade: "Nós pagabamos algo máis para axudar para instalar a carpa, para non estar coa trangallada toda esta". A "trangallada" son estruturas metálicas con plásticos cubrindo o taboleiro no que se instalan as flores.
"Posiblemente viñese máis xente cunha carpa grande porque ao estar así, aberto, igual as persoas non se animan", apunta unha compradora habitual nestas datas.
Loli Calvo, unha vendedora de Campañó, explica que sería "fabulosa" a instalación dunha carpa xenérica neste mercado, que ofrecese unha imaxe máis atractiva á clientela destes días, que segue interesada no crisantemo pero agora tamén compra rosas e mesmo caraveis. "A xente é moi clásica, pero tamén se atreven con outras flores. Nós facemos os centros máis variados porque hai clientes que os quere máis alegres ou que lles dure máis a flor", apunta Raquel Vidal Estévez, vendedora noutro posto.
Dos corenta postos previstos, nas primeiras horas só unha quincena de casetas instalábanse na Ferrería. Algúns vendedores tamén se queixan dos días seleccionados para a venda. Nos últimos anos as datas seleccionadas son o 30 e o 31, mentres que antes a venda estaba permitida o día 31 e durante a mañá do festivo 1 de novembro.
"Están a confundir á xente. Sería mellor se fose o 31 e deixasen vir o 1 pola mañá", apunta Loli Calvo, unha proposta que tamén apoia Raquel Vidal: "Mellor era como antes. Eu creo que confunde. Sempre hai xente que vén a última hora, que sae de traballar, que non lle dá tempo", argumenta.
"Cóbrannos a varrer e hoxe non facemos os cartos que nos cobraron polo posto", admite Mercedes. O metro lineal cóbrase a 10 euros, indican.
A maioría de postos venden centros con prezos a partir dos 15 euros. A unidade de rosas pódese adquirir a 1,5 euros. Rexistrouse unha lixeira subida respecto ao ano pasado: "un pouquiño máis cara porque se estragou moita flor. É flor de casa, pequena. O que venden en florería é máis caro", explica Loli Calvo ao indicar o efecto das últimas choivas.
Os compradores esperan que na xornada do martes se establezan máis postos de venda e, nese último día, baixen os prezos.