Reclaman un plan integral de mantemento dos parques infantís

Pontevedra
18 de outubro 2023

O Partido Popular denuncia o abandono dos parques infantís por parte do Concello de Pontevedra

Parque infantil da rúa Bélxica de Monte Porreiro
Parque infantil da rúa Bélxica de Monte Porreiro / PP de Pontevedra

O Partido Popular de Pontevedra presentará no pleno municipal da semana que vén unha moción para solicitar ao goberno local a posta en marcha, con carácter urxente, dun plan de coidado e mantemento integral dos parques infantís da cidade.

A concelleira popular Pepa Pardo será a encargada de defender esta moción insta ao Concello "a dar cumplimiento al acuerdo plenario" do 24 de febreiro de 2020 no que se acordou, a proposta do PP e por unanimidade, a mellora da accesibilidade universal das áreas recreativas.

Concretamente, naquela ocasión acordouse engadir o sistema braille aos parques infantís a través de paneis informativos, incorporar unha randeeira balancín para cadeiras de rodas nos que sexa posible e adoptar as medidas necesarias para que os novos ou reformados teñan accesibilidade 100% integral, é dicir, tanto motora, como cognitiva e sensitiva.

A número dous do PP considera necesario realizar "una actuación generalizada" nos parques infantís para mellorar a seguridade dos nenos porque "hay una falta evidente de mantenimiento".

Segundo manifestou Pepa Pardo, son varios os parques infantís de Pontevedra que "presentan un estado lamentable de abandono" que pon en risco a seguridade dos menores con "tornillos sueltos, elementos de juego oxidados o columpios sin asiento", engadiu.

Despois de recibir queixas das familias usuarias destas áreas recreativas, os edís do PP visitaron os parques infantís de Mollabao, Ribeira dos Peiraos, Pasarón, Médico Ballina, Rúa dos Soutos, Monte Porreiro ou Tomeza, para comprobar as deficiencias denunciadas.