A "instalación faraónica" que supón a presa que propón construír a Confederación Hidrográfica Miño-Sil en Forzáns (Ponte Caldelas) para garantir o abastecemento de auga á área metropolitana de Vigo, advirten desde o BNG, "sería letal" para os ríos Verdugo e Oitavén.
De aí que os nacionalistas de Pontevedra, Ponte Caldelas, Soutomaior, A Lama e Fornelos de Montes, os concellos afectados por este proxecto, insten á Xunta de Galicia a que "non se agoche e dea a cara" na defensa destes dous ríos tan importantes para a comarca.
"O que está enriba da mesa é un problema de mala xestión e despilfarro de auga por parte do goberno de Vigo", afirmou o deputado e portavoz do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo, que recordou que catro de cada dez litros que chegan a Vigo se perden polo camiño.
Entende que antes de acometer un proxecto "tan agresivo contra o medio ambiente" debéranse estudar outras alternativas "máis acordes coa ecoloxía e a racionalización do uso da auga" que, a diferenza do presentado, cumpra coa lexislación en materia de augas.
Calquera redución do caudal do Verdugo, aseguran desde o BNG, sexa por transvasamento ou por construción dun encoro, "sería fatal para o río e para os fondos marisqueiros, que dán de comer a centos de familias", creando problemas ambientais e económicos.
A voceira do BNG en Ponte Caldelas, Sol Seoane, engadiu que a construción do encoro suporía "estragar un enclave dunha gran riqueza etnográfica e cultural e dun alto valor ambiental" e denunciou que o seu concello "non é o patio traseiro de Vigo".
"Nin o PSOE nin a Xunta poden pretender que o noso concello pague a mala xestión da auga que se fai en Vigo co estragamento do noso río e dos nosos recursos naturais", subliñou.
A este respecto, recordou que este sábado está convocada unha concentración de protesta na rotonda Caritel - A Lama e o BNG xa solicitou un pleno extraordinario en Ponte Caldelas para mostrar o rotundo rexeitamento da corporación ao proxecto.