A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle este mércores ao goberno galego que reaccione de forma urxente para mellorar a seguridade na estrada PO-225, que une Pontevedra con Vilagarcía, ao seu paso pola parroquia de Alba.
Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas celebrada no Parlamento logo dos reiterados accidentes de camións que quedan atrancados ao pasar pola ponte ferroviaria.
Apunta que as medidas de control de altura instaladas no seu día polo goberno galego "se teñen demostrado ineficaces", tal e como demostra a continua sucesión de camións atrancados baixo a ponte e reclamou un sistema de alerta máis efectivo, que avise aos condutores da altura da ponte, ademais da mellora do viario actual.
Pola súa banda, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, salientou nesta comisión do Parlamento que a Xunta "é a administración que máis inviste en seguridade viaria no concello de Pontevedra", mobilizando máis de 6 millóns de euros na execución de sendas peonís.
Francisco Menéndez referiuse á senda executada en Alba, na estrada PO-225, cun investimento autonómico de 700.000 euros.
O director recordou que a Xunta tamén continúa coa remodelación da estrada PO-531 na área de Pontevedra, con actuacións coma a da glorieta de acceso ao polígono de Sequeiros, a senda e a rotonda da Devesa e o proxecto en redacción para a zona de Campañó.
Paloma Castro sinalou que a reincidencia destes accidentes "evidencia xa dende hai anos a necesidade da variante de Alba", un vieiro pensado para mellorar o actual e que enlace a estrada N-550 coa autonómica PO-531 "que acumula 17 anos de retraso".
ROTONDA
Paloma Castro reclamoulle á Xunta que "como administración responsable actúe na zona colocando ademais unha rotonda na conexión da estrada autonómica coa N-550 que facilite a conexión cara á variante e permita un cambio de sentido nesta estrada". Castro presentou no Parlamento a demanda dos veciños, que reclaman ademais un paso de peóns que permita cruzar a estrada autonómica "con seguridade" e "non ter que atravesar a correr unha estrada perigosa".
Neste sentido, o director da Axencia Galega de Infraestruturas lembrou que a estrada N-550 é de titularidade estatal, polo que a solicitude da execución dunha glorieta debe ser trasladada ao Ministerio de Transportes, xa que é este o responsable da súa execución.
Concretou que no proceso de avaliación de alternativas para a Variante de Alba, a Xunta xa propuxera unha glorieta nas proximidades deste punto, pero o Ministerio rexeitouna ao sinalar que a intensidade de tráfico esixiría un enlace a distinto nivel, que implicaría afeccións inasumibles para os veciños para a súa implantación.