O sindicato CSIF reclamou o aumento do número de vixiantes de seguridade e de medios de protección nos hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés ante o repunte das agresións a profesionais que se está rexistrado nos últimos meses.
O último incidente coñecido, lembra esta central sindical, produciuse o pasado venres en Pontevedra, cando un vixiante de seguridade de Montecelo recibiu varios golpes na cara por parte de dúas persoas, pai e fillo, na entrada de Urxencias.
"Está a aumentar a inseguridade nestes centros", advirten desde CSIF, que enumeran as continuas ameazas, insultos e agresións que recibe o persoal destes hospitais.
O sindicato entende que "hai unha falta de respecto preocupante" nos pacientes, que "non entenden que teñen que esperar ou seguir unhas normas", unha conduta ante a que os vixiantes de seguridade "non dan abasto".
Ante esta situación, a empresa adxudicataria do servizo de seguridade dos hospitais accedeu a dotar ao seu persoal de chalecos anti corte e picada, incluíndo ademais a defensa dentro as materias que inclúe a formación obrigatoria que deben prestar.
Estas medidas, segundo o CSIF, son "insuficientes", polo que esixen un reforzo de persoal para que os vixiantes "garantan a súa propia protección e a boa convivencia do centro".
Ademais, insisten en que desde que a lei de seguridade privada eliminou a condición de axentes da autoridade dos vixiantes, estes están nunha situación de "gran vulnerabilidade ante estas agresións porque as súas funcións "non están amparadas xuridicamente".