A situación do barrio do Gorgullón é, para os socialistas, unha mostra de que o modelo de cidade de Pontevedra ten "moitas gretas". Aseguran que este ámbito urbano está "abandonado" e por iso piden ao goberno local que adopte medidas urxentes para arranxar os problemas de mobilidade que se producen nesa zona.
A concelleira Paloma Castro recorda que o Gorgullón está situado a "escasos cinco minutos" da Casa do Concello e, a pesar diso, os problemas para os peóns e as persoas con mobilidade reducida se suceden ao longo da rúa.
No seu primeiro tramo, denuncia a edil socialista, a beirarrúa está rota e faltan baldosas en varios lugares o que dificulta o paso dos peóns ou dos que vaian en cadeira de rodas ou leven un carriño de bebés porque "empurralos é unha verdadeira batalla contra os elementos".
O problema aumenta na metade da rúa. Alí, segundo Castro, a beirarrúa desaparece e é substituída por asfalto "cuestión que é aproveitada por algúns condutores para utilizar ese espazo como aparcadoiro", obrigando os peóns a camiñar pola calzada.
Ademais, os socialistas alertan de que na zona non existen pasos de peóns nin ningún dispositivo de calmado do tráfico -salvo no treito final-, polo que os vehículos utilizan esta rúa como atallo para escapar de Eduardo Pondal a velocidades "inapropiadas".
A todo iso, Paloma Castro engade na súa denuncia a iluminación pública de "escasa potencia" na zona, o que converte a esta área nun lugar "tenebroso" e "non ausente de certa perigosidade".
"A cuestión non é que o alcalde Lores viaxe polo mundo, que é unha cousa moi instrutiva. O problema é que non pasee por Pontevedra mais alá das rúas mimadas polo seu goberno", conclúe a edil socialista, que presentou un rogo no pleno deste venres para instar ao goberno local a que actúe e solucione eses problemas que se rexistran no Gorgullón.