O alcalde de Vilaboa, César Poza, mantivo este martes un encontro coa parlamentaria socialista Leticia Gallego, no que presentaron iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta a mellora da seguridade na estrada autonómica PO-264, á altura de Paredes e que une este núcleo con Arcade por un vial secundario.
A responsable socialista pide o ensanchamento da PO-264, a construción de beirarrúas e a conexión peonil entre o trazado da estrada autonómica e a N-550 para posibilitar a conexión coas restantes vivendas e equipamentos ao leste da vila. Tamén propuxo a instalación de varios lombos para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar así a seguridade peonil na vila.
Estas peticións foron trasladadas en persoa polo alcalde ao xefe territorial de Infraestruturas, que remitiu directamente á Consellería de Infraestruturas, polo que reclama unha xuntanza coa conselleira responsable Ethel Vázquez para darlle traslado da situación de inseguridade que rexistra o dito vial.
Gallego lembra que esta petición tamén fora incluída nunha emenda aos Orzamentos da Xunta para 2023, pero que foi rexeitada polo PP no trámite parlamentario.
Tanto a responsable socialista como o alcalde da localidade alertaron da inseguridade deste vial para a circulación tanto peonil como do tráfico.