A Comunidade de Montes "Regra dos Agros" de Combarro (Poio) presentou un escrito no rexistro da Xunta de Galicia denunciando a situación de total abandono da Illa de Tambo que, segundo expoñen, pon en risco a súa riqueza patrimonial tanto nos seus bens inmobles coma no patrimonio etnográfico e arqueolóxico.
Segundo se reflicte no escrito asinado polo presidente comunal, Claudio Quintillán, refírense á Igrexa de San Miguel do século XVI e reconstruída no século XVIII tras un ataque de pirata a ría de Pontevedra. Dende a comunidade de montes denuncian que eucaliptos e acacias creceron no ámbito inmediato.
Tamén denuncian o estado de abandono do Lazareto, do século XIX, que se comezou a utilizar en 1865 para realizar a corentena antes da entrada ao porto de Marín e despois foi trasladado á Illa de San Simón.
Ante esta situación, Quintillán reclama que se valoren estes dous bens descritos e que se inste, por parte da Xunta, a modificar o PXOM do Concello de Poio para que catalogue estes dous edificios. Ademais solicita que se poñan os medios económicos para que se conserven estas instalacións antes de que "rematen nunha completa ruína".