Reclaman á Deputación documentación necesaria para tramitar a licenza da reforma de Santa Clara

Pontevedra
24 de setembro 2024

Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo, manifestou que, entre a documentación que falta por entregar por parte da Deputación de Pontevedra, figura o proxecto arqueolóxico que se vai desenvolver en Santa Clara, informe que demanda Patrimonio

Residentes das parroquias do rural pontevedrés visitan Santa Clara
Residentes das parroquias do rural pontevedrés visitan Santa Clara / Mónica Patxot

Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo, respondía este martes 24 ao vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, que mantén que a licenza das obras de rehabilitación de Santa Clara está pendente da aprobación por parte do Concello de Pontevedra.

Segundo explicou Moreda, estas declaracións prodúcelle "sorpresa" xa que existe un requirimento notificado polo Concello de Pontevedra á Deputación solicitándolle documentación que non foi entregada na solicitude da licenza.

"É un requirimento que se enviou o 29 de xullo", explicaba o concelleiro, que enumeraba os distintos informes que se solicitaron á institución provincial, como o modelo normalizado 508 da licenza de obras e aperturas; xustificantes de autoliquidación e taxas; declaración responsable de emprendemento, entre outros.

Xaquín Moreda afirmou que o documento máis importante que falta é o relativo á intervención arqueolóxica que se realizará nas instalacións do convento de Santa Clara, demandado por Patrimonio da Xunta.

"A autorización da Consellería de Cultura require un informe do proxecto arqueolóxico, sobre todo na igrexa", apuntou o concelleiro, expoñendo que aínda non foi entregado pola Deputación de Pontevedra.

"Non sei a que veñen esas declaracións se realmente está no tellado da Deputación", afirmou o responsable de Urbanismo refiríndose a Rafa Domínguez e explicando o atraso de dous meses que leva a tramitación desta licenza.