Reclamación unánime do pleno da Lama para mellorar a Atención Primaria no centro de saúde

A Lama
27 de setembro 2021

A sesión serviu tamén para esixir ao Goberno medidas para abaratar o recibo da luz e fixar como festivos locais para o 2022 os días 27 de xullo e 5 de agost  

Pleno no Concello da Lama
Pleno no Concello da Lama / Concello de A Lama

O pleno celebrado na Lama estivo marcado pola aprobación por unanimidade de dúas mocións presentadas polo PP e o BNG nas que demandaban máis medios para mellorar a Atención Primaria no centro de saúde do municipio. 

Os populares reclamaron a través dunha moción que se instara ao Goberno de España a facilitar a cobertura de persoal médico na Atención Primaria coa ampliación de prazas de formación para que poideran optar ao sistema sanitario público máis doctores e pediatras para cubrir as necesidades que se están a producir neste sentido en centros médicos de todo o país, entre eles o da Lama.

Pola súa banda, o BNG tamén presentou outra moción na mesma liña en referencia concreta á situación vivida hai uns días cando se produciu a ausencia puntual de médico pola indisposición dun dos dous facultativos que prestan os seus servizos na Lama en coincidencia co periodo de vacacións do outro médico adscrito a este centro de saúde.

Tanto os voceiros do PPdeG, David Carrera, como do BNG, Xesús Fortes, e de Ciudadanos, Andrés Cal, así como o propio alcalde, manifestaron o seu descontento coa situación que incluso se agravou ao indispoñerse unha persoa en Barcia de Seixo o que fixo que o 112 tivera que desprazar a un médico e unha auxiliar desde o Centro de Saúde da Parda en taxi, que tardaron en chegar máis dunha hora e media ata a paciente.

O alcalde, Jorge Canda, incidiu na preocupación constante que desde o grupo de goberno se ten con respecto aos temas sanitarios e recordou que incluso, para cubrir a praza de pediatra todavía vacante desde hai dous anos, chegou a ofrecer aos responsables do Sergas unha vivenda para que fora ocupada polo facultativo que quixera instalarse na Lama, cuestión que non surtiu tampouco efecto pola ausencia de médicos especialistas nesta materia para incorporarse a este posto sanitario.

Por outra banda, a proposta do PPdeG aprobouse por unanimidade unha moción na que se insta ao Goberno de España a que adopte medidas para a rebaixa do prezo da luz pola incidencia negativa que ten nas economías das familias e mesmo das empresas e emprendedores que ven mermadas as súas capacidades competitivas e mesmo de supervivencia polo elevado prezo da enerxía eléctrica.

Asemade, a Corporación Municipal aprobou por tamén por unanimidade a declaración de festivos locais para o ano 2022 os tradicionais 27 de xullo, San Xoaquín, e o 5 de agosto, dentro das celebracións das Festas das Ermidas.