O Recinto Feiral 'ponse guapo' para recibir a gala dos Premios Feroz

Pontevedra
23 de novembro 2024
Actualizado: 14:28

As actuacións en todo o complexo, que mellorarán a funcionalidade, accesibilidade e estética, contarán cun investimento de máis de 300.000 euros

Obras no Pazo da Cultura
Obras no Pazo da Cultura / Concello de Pontevedra

A posta a punto do Recinto Feiral e do Pazo da Cultura de cara á celebración dos Premios Feroz xa comezou.

As obras, que arrancaron esta mesma semana, consistirán na reparación, adaptación e mantemento tanto exterior como interior dos espazos e contarán cun investimento que supera os 300.000 euros.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, explicou que estas obras supoñen un esforzo de coordinación moi importante.

En ellas están implicados os servizos de infraestruturas culturais, promoción da cidade, servizos urbanos básicos e a oficina técnica de arquitectura.

En canto ás actuacións previstas, o Concello instalará un ascensor, reformará os aseos, pintará o recinto, reparará os pavimentos e cambiará os cadros eléctricos.

Ademais, limpará o exterior do edificio e da contorna, mellorará a iluminación exterior co cambio a tecnoloxía LED e substituirá os embellecedores da fachada e as luminarias nas entradas tanto do recinto como do auditorio para mellorar a accesibilidade.

Entre as actuacións previstas tamén está o pintado da entrada superior ao Recinto Feiral, que conta con máis de 800 metros cadrados.

Será o balcón ao que se accede desde o estacionamento superior, por onde está prevista a entrada dos asistentes á gala o vindeiro 25 de xaneiro.

Desde este balcón instalarase un novo ascensor panorámico que fará accesible o edificio do Recinto Feiral.

Tamén no interior se propón a demolición e reforma dos aseos, que inclúe unha nova conexión exterior á rede de saneamento xa que a actual ten problemas de atoamentos, a reparación e recolocación de pavimentos, a mellora da accesibilidade ou unha nova iluminación.

Outra actuación importante será a reforma dos cadros e das liñas eléctricas da instalación, xa que é unha actuación imprescindible para que se poidan facer retransmisións televisivas dende el.

Por último, limparán os cristais e os paneis perforados, substituíndo os vidros que estean fracturados, e retirarán os grafitis e outras pintadas.

Toda a parte exterior do Recinto Feiral, é dicir, o estacionamento en superficie e os seus accesos tamén se beneficiarán destas melloras coa reparación do pavimento, limpeza, reparación e adecentamento de escavas ou o seu peche, de ser o caso.

Esta actuación xeral do Recinto Feiral compleméntase coa substitución dos vidros do lucernario no acceso ao auditorio do Pazo da Cultura que quebraron co último temporal. É un traballo que xa está moi avanzado pero que aínda non se ten rematado.