Xa está en marcha un plan de reciclaxe no Concello de Cerdedo-Cotobade a través da implantación de 13 colectores para a reciclaxe de aceite usado en diferentes puntos do municipio. A intención do goberno local é que a veciñanza poida despositar este residuo sen dificultades. Os colectores instaláronse en parroquias de máis de 300 habitantes.
Tanto o presidente do Concello, Jorge Cubela, como o vicepresidente José Balseiros están a supervisar a instalación que parte da oficina técnica de Medio Ambiente a través da financiación do Plan PIMA Residuos do Ministerio.
A medida, ademais, axudará a evitar que se rexistren danos en tubaxes e depuradoras, debido á presenza de aceites usados. Isto levaba un alto custo para o Concello. O aceite vexetal usado terá agora unha vida útil ao poder aproveitarse na fabricación de biodiesel.
Este líquido residual xa se pode depositar nos dous depósitos situados no centro urbano de Cerdedo, no aparcadoiro da igrexa de Quireza, na Longa (San Xurxo), Quintán (Viascón), CEIP de Tenorio, Local Social de Tenorio, Vilanova, Praza da Igrexa de Almofrei, Praza de Borela, A Chan (Carballedo), zona do bar de Valongo e campo da festa de Augasantas.
Ademais o plan ao que se sumou o Concello de Cerdedo-Cotobade favorece a inserción laboral daquelas persoas que se atopen en risco de exclusión. A empresa Compostela Insere contrata persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos para que realicen o traballo de recollida do aceite dos depósitos.
Tamén está previsto realizar xornadas de divulgación na rúa para que os residentes no municipio coñezan as vantaxes de reciclar.