Recepción á enxeñeira pontevedresa Andrea Cascallar, primeira española en recibir o Premio Eusflat

Pontevedra
03 de xaneiro 2024

A pontevedresa Andrea Cascallar é a primeira española, e a cuarta muller en todo o continente, en recibir o Premio Eusflat á mellor tese de Europa polo seu traballo doutoral

Andrea Cascallar e Rafa Domínguez
Andrea Cascallar e Rafa Domínguez / Deputación de Pontevedra

A pontevedresa Andrea Cascallar é a primeira española, e a cuarta muller en todo o continente, en recibir o Premio Eusflat á mellor tese de Europa polo seu traballo doutoral.

No seu traballo abordou o desafío científico de modelar a imprecisión na linguaxe, hibridando as Protoformas Cuantificadas Difusas coa Xeración de Linguaxe Natural, e máis concretamente, cos sistemas de Datos a texto, un ámbito crave da Intelixencia Artificial que facilita a comunicación entre persoas e máquinas.

Elaborou a súa tese no CiTIUS, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, da Universidade de Santiago.

Esta veciña de Cerponzóns foi recibida este xoves polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez.

"Esta provincia está chea de talento e dende a Deputación estamos a traballar para promovelo e visibilizalo ", asegurou o vicepresidente provincial ao tempo que enxalzou o papel da moza "como referente feminino nun campo tan masculinizado como son as STEAM".

Andrea Cascallar, que actualmente traballa en Data Scientist, agradeceu á institución o apoio prestado e, ao igual que Domínguez, reivindicou o talento da provincia e a importancia e necesidade de recoñecelo.

Durante a súa visita ás instalacións da Deputación, o vicepresidente amosou a Andrea Cascallar as dependencias do Pazo Provincial e aproveitou para subliñar a importancia da tese desenvolvida pola científica, centrada na Intelixencia Artificial, un mundo novo e pouco coñecido.