Recambio xeracional e atraer talento investigador, retos do reitor Manuel Reigosa na súa nova etapa

Pontevedra
21 de xuño 2022

O actual reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reelixido nas eleccións do pasado 4 de maio, tomou posesión este luns por outros catro anos nun acto que estivo presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda

Manuel Reigosa tomou posesión como reitor por outros catro anos
Manuel Reigosa tomou posesión como reitor por outros catro anos / Universidade de Vigo

O actual reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reelixido nas eleccións do pasado 4 de maio, tomou posesión este luns por outros catro anos nun acto que estivo presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda.

O reitor debullou as propostas para o período 2022-2026, no que o equipo de goberno centrarase en traballar por "unha universidade comprometida coa igualdade, coa lingua e a cultura galega e internacional". 

Entre os obxectivos xerais para os vindeiros catro anos, segundo sinalou o reelixido reitor, está facer fronte ao recambio xeracional no cadro de persoal docente e investigador e ao reto demográfico que fará, "cada vez máis necesario", incorporar alumnado doutras latitudes, mellora e reequilibrio do persoal, mellora da experiencia universitaria, reformulación da xestión e unha universidade atractiva para o estudantado.

Reigosa tamén se detivo en noitro dos retos: mellorar a capacidade investigadora e innovadora da Universidade, como o incremento progresivo da partida destinada a produción científica e de transferencia; o reforzo dos centros e estruturas de investigación e transferencia; o impulso á renovación das infraestruturas científico-técnicas e a internacionalización a través da captación, mentres que no ámbito da transferencia, aposta por incrementar os contactos con empresas, fomentar a súa participación en proxectos e internacionalizar os proxectos, ademais de apoiar a ciencia aberta. 

A captación de fondos a través de proxectos internacionais, de actividades de I+D, de proxectos competitivos colaborativos empresa-universidade e de infraestruturas cifrouse en 24,2 millóns de euros a cantidade captada en 2021; 22.9 en 2020; 18,3 en 2019 e 18,5 en 2018. 

Xunto ao reitor xuraron o cargo os doce integrantes do novo equipo do goberno, entre eles a nova vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.

A lembranza do profesor e ex vicerreitor Manuel Ramos, falecido na véspera das eleccións estivo moi presente neste acto.

Na cerimonia, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o presidente da Xunta destacou o papel preponderante das universidades na sociedade.