A comisión de festas de Rebordelo fixo público o programa da Festa de San Brais que se desenvolverá o sábado 1 de febreiro.
Ese día comeza coas salvas de bombas e pasarrúas a cargo da Asociación Cultural Os Afoutes do Canón de Pau.
Ás 13 horas haberá misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Tenorio na capela de San Brais, seguida de procesión.
A sesión vermú correrá a cargo do grupo de gaitas dos Afoutes do Canón de Pau e haberá un servizo de polbería a cargo de A Fuchela para que os asistentes poidan degustar este produto típico da gastronomía galega no entorno da festa ou mesmo levalo para as súas casas.
Pola noite, a partir das 20 horas, terá lugar unha degustación gratuíta de fabada.
Unha hora máis tarde, comezará a verbena que estará a cargo dos grupos La Noche del Grove e TIC TAC.
Todos estes actos desenvolveranse baixo unha gran carpa e haberá calefacción para facer máis agradable a estancia do público.
O Concello de Cerdedo-Cotobade levou a cabo traballos de acondicionamento do campo da festa para mellorar o seu aspecto e funcionalidade e tamén dotou de luz exterior á capela coa intención de resaltar o seu valor patrimonial.
O alcalde, Jorge Cubela agradeceu aos membros da comisión de festas o seu traballo para manter vivas as tradicións e sobre todo polo esforzo que fan para ofrecer ao conxunto da veciñanza alternativas de lecer e dinamización do entorno rural.