Realizan unha auditoría á rede de saneamento de Barro para planificar a súa mellora

Barro
30 de outubro 2024
Actualizado: 16:57

As infiltracións que foron identificadas grazas a este estudo están relacionadas coa entrada na rede de saneamento de pluviais ou de augas relacionadas con fontes ou mananciais

Imaxes dunha cámara de televisión nunha tubaxe para detectar cal era a orixe da filtración
Imaxes dunha cámara de televisión nunha tubaxe para detectar cal era a orixe da filtración / Concello de Pontevedra

O Concello de Barro contratou un estudo exhaustivo da rede de canalizacións e colectores existentes para identificar aqueles que puideran presentar algún tipo de problema relacionado con infiltracións ou que teñan eivas no seu funcionamento.

As infiltracións que foron identificadas grazas a este estudo están relacionadas coa entrada na rede de saneamento de pluviais ou de augas relacionadas con fontes ou mananciais.

A entrada desta auga provoca que aumente o caudal e que baixe a eficacia dos tratamentos de depuración.

Para o Concello, a identificación desta entrada destas augas limpas na rede de saneamento é unha prioridade para poder acometer as obras necesarias para a súa separación, por iso este documento é fundamental para priorizar os traballos de mellora da rede existente.

Esta auditoría sacouse a contratación por un importe de 18.029 euros e financiouse con cargo a unha subvención da Xunta de 14.423 euros. A empresa que se encargou da execución destes traballos foi Cuarta Zona Ingeniería S.L.

O obxectivo do concello de Barro é pór a punto a rede de saneamento actual, dado que unha vez que se constrúa a nova EDAR do Carballal as depuradoras existentes de Piñeiro e do Santo Antoniño van deixar de estar en uso e todo o caudal será centralizado na nova depuradora central, que terá unha tecnoloxía punteira e que permitirá un tratamento máis efectivo ás augas residuais. E para iso precísase que o sistema actual de canalizacións e colectores estea nas mellores condicións posibles.