O polémico trasvase do río Verdugo para abastecer o encoro de Eiras e á poboación da área metropolitana de Vigo, reactivou á Plataforma pola defensa do río Verdugo.
Esta plataforma naceu no ano 2003 e estivo activa de maneira intermitente ata o 2008 cando se aproba unha iniciativa lexislativa de protección dos ríos de Galicia-costa na que se paralizaban os proxectos de máis de 200 minicentrais eléctricas, trece delas no Verdugo- Oitaven das cales se executaron dúas.
"Hoxe a ameaza é outra", destacan nun comunicado no que se convoca á cidadanía para participar nunha asemblea aberta para este venres día 15 de decembro, ás 20.00 horas, na Casa de Cultura de Ponte Caldelas.
"Queren un trasvase de caudal, levar o que fai que un río sexa un río. Que o Verdugo deixe de achegar auga, sedimentos e vida por toda a súa canle, alimentando así os ciclos biolóxicos e a riqueza paisaxística, piscícola e marisqueira onde desemboca", din os convocantes.
Neste escrito engaden que "a pesar da choiva destes días que despexou calquera dúbida sobre a emerxencia deste trasvase, a Xunta e Abel Caballero seguen querendo executar unha obra innecesaria e irresponsable".
"Vannos ter en fronte" anuncian desde Pladever, á vez que fan un chamamento a todos os colectivos, persoas e organizacións da contorna para traballar de maneira coordinada.