Reactívanse as obras do boulevard de Portonovo coa intención de finalizar en xuño

Sanxenxo
08 de xaneiro 2023

A partir do luns retómase a obra con limitacións de tráfico. Os viandantes contarán cun paso delimitado e a circulación rodada vai desviarse pola Avenida Rafael Picó, Rúa Espiñeiro e Travesía Areal para volver confluír na estrada da Lanzada

Obras do boulevard de Portonovo
Obras do boulevard de Portonovo / Concello de Sanxenxo

Este luns 9 volven activarse as obras do boulevard de Portonovo, despois do parón motivado polas festas do Nadal. 

A empresa adxudicataria comezará coa parte central da primeira fase do proxecto, que supón máis da metade da actuación, segundo o Concello de Sanxenxo. Esta fase sitúase entre o inicio da estrada da Lanzada, na rotonda do Supercor, ata o cruzamento coa Travesía Areal.

A previsión é que en xuño se finalice este tramo da obra. Despois do verán retomaranse os traballos para evitar que a actuación inflúa na actividade turística e comercial durante os meses de máis afluencia de visitantes.

Establécese, a partir deste luns, un carril central de sentido único para acceder a garaxes e servizos no tramo en que se executan os traballos. Os viandantes dispoñerán dun paso delimitado e o tráfico rodado normal será desviado pola Avenida Rafael Picou, Rúa Espiñeiro e Travesía Areal para volver confluír na estrada da Lanzada.

As obras contemplan a renovación dos servizos coa instalación de canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade eliminando os actuais tendidos aéreos. Tamén se renovarán as redes de abastecemento, saneamento, pluviais e iluminación pública.

Oresa Construción e Servizos Globais é a adxudicataria da obra por un montante de 2.319.460 euros. A proposta busca que os peóns gañen espazo fronte aos vehículos ao longo dun tramo de 810 metros no centro comercial de Portonovo, segundo indica o goberno local.