Reaccións contra o goberno de Sánchez polas "irregularidades" na operación para localizar o Villa de Pitanxo

Pontevedra
18 de maio 2023

O Partido Popular, o BNG e o sindicato Comisiones Obreras trasladan o seu malestar polo sufrimento ao que se está a someter ás familias das vítimas do afundimento do pesqueiro e reclaman unha rectificación ao Goberno por entender que desatende os requirimentos da Audiencia Nacional ao permitir a saída do buque Artabra sen contar co perito designado polos familiares

Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra / Juan Manuel García

Os partidos políticos PP e BNG, ademais do sindicato Comisiones Obreras, demandan ao Goberno de Pedro Sánchez unha reacción e explicacións por permitir a saída do barco Ártrabo sen atender as esixencias da Audiencia Nacional.

PP

Desta forma, o Partido Popular realiza unha ofensiva parlamentaria no Congreso co obxectivo de esclarecer as irregularidades que detectan. Rexistraron unha decena de preguntas parlamentarias e a petición de que compareza a ministra de Transporte ante o que entenden é unha nova provocación aos familiares das vítimas. 

Os populares consideran que a partida do buque investigador decidida polo Goberno sen contar coa autorización e os requisitos necesarios causou "unha inmensa dor" aos familiares, que se manifestaron diante da Subdelegación do Goberno de Pontevedra este xoves.

Consideran "sorprendente" que o Gobernonon atendera as peticións da Audiencia Nacional, que solicitou todo o expediente relacionado coa contratación dun dispositivo para tratar de localizar o Villa de Pitanxo, así como a baixada cun robot para capturar imaxes que poidan esclarecer as causas do afundimento.

BNG

O BNG tamén reclama ao Ministerio de Transportes unha rectificación urxente e esixe que o barco regrese a porto para garantir a fiabilidade das probas na baixada ao pecio. 

O deputado nacionalista, Néstor Rego, considera que o Goberno debe atender aos requirimientos da Audiencia Nacional sobre os protocolos e o persoal que debe ir a bordo do buque que ten como obxectivo esclarecer as causas e facer xustiza. Entende que o Executivo non está en disposición de colaborar co órgano xurisdicional e garantir a validez das probas.

COMISIONES OBRERAS

Por último, Comisiones Obreras lamenta o sufrimento co que o goberno de Pedro Sánchez somete ás familias das vítimas. Reitera a necesidade dunha investigación rigorosa e seria do naufraxio do Villa de Pitanxo, baixo unha dirección técnica competente e supeditada ao que dispoña a autoridade xudicial.

Piden todas as garantías legais e que se manteña sempre a comunicación coas familias evitando situacións de desconfianza como, segundo denuncian, está a suceder coa partida do buque da empresa ACSM contratado para a operación de inspección.