Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, considera que a actitude do Partido Popular en relación con Ence é unha vergoña. Así o manifestaba ao coñecer a noticia da proposta de Jorge Cubela e José Balseiros de cederlle terreos á pasteira en Cerdedo-Cotobade para a creación dunha planta de biomasa. A presidenta provincial criticaba os cambios de postura que o PP mantivo sempre en relación con esta empresa e lanzaba a pregunta á Xunta de por que o investimento que se acordou con Ence quedou tan minorado para a cidade de Pontevedra.
Carmela Silva foi máis aló e reclamaba explicacións aos populares de por que o PP "en masa e en biomasa" póñense de acordo para defender a empresa coma se fosen membros do Consello de Administración de Ence. Teñen que explicar a súa paixón por Ence, manifestaba, "supoño que non haberá nada raro".
A máxima autoridade da provincia concluía cualificando esta iniciativa como "un chiste de mal gusto" porque a fábrica segue en Pontevedra nun lugar onde non debe de estar e porque a entidade fai anuncios que queda en meros anuncios. "Eu quero amosar o meu desgusto por esta tomadura de pelo", sentenciou.
GOBERNO LOCAL
Pola súa banda, o goberno local de Pontevedra a través do seu portavoz Raimundo González afirmaba que existe unha conivencia entre a empresa e o Partido Popular. "Hai unha vinculación manifesta entre ex cargos do Partido Popular, ex ministros e ex conselleiros, que forman parte do Consello de Administración de Ence", indicaba o portavoz do goberno de Fernández Lores. Desde o equipo de goberno entenden que este movemento é unha preparación do terreo para dar máis concesións a Ence.
MOREIRA CRITICA A LORES
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, considera esta iniciativa un acontecemento que "deixa en evidencia ao alcalde de Pontevedra" ao entender que Fernández Lores non atrae emprego industrial para a cidade. "Adiántannos pola dereita", manifestaba Moreira, que aseguraba que lle gustase que esta proposta tívoa o alcalde pontevedrés.
"A Lores non lle interesa para nada a cidade de Pontevedra. Está a pensar única e exclusivamente na súa xubilación e iso díxoo el", afirmou o portavoz do PP local.