Chegamos a unha nova entrega de"A cociña gourmet en conserva" cunha deliciosa receita da cociña italiana, coa que imos aproveitar todos os beneficios que nos ofrecen as luras de Conservas Pescamar.
Dende un punto de vista nutricional, a lura destaca polo seu contido en proteínas de gran calidade e en ácidos graxos poliinsaturados omega 3. Ademais, é baixa en graxas e calorías.
Para preparar uns deliciosos Raviolis de luras ao allo Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 250 gr. de pasta fresca para ravioli
- 2 latas de luras ao allo Pescamar
- 200 gr. de queso ricota
- 200 gr. de espinacas tenras
- tomates pera
- cebola
- alcaparras
- follas de rúcula
- aceite de oliva
- follas de albáfega
- pementa negra
- sal
Preparación:
Para o recheo, poñemos nun bol o contido das dúas latas de luras ao allo Pescamar, previamente escorrido (reservamos o líquido). Engadimos o queixo ricota e as espinacas. Batemos. Coa mestura, imos formando varias bólas pequenas. Reservamos.
Á parte, preparamos un aderezo resultado de bater o líquido das latas, aceite de oliva e as follas de albáfega. Reservamos.
Estiramos a pasta fresca e cortamos cadrados de aproximadamente 6 centímetros de lado. Colocamos unha bóla de recheo no centro dun cadrado e cubrimos con outro cadrado. Cun pouco de auga mollamos os bordos e selamos axudados dun garfo. Actuamos da mesma maneira ata esgotar todos os cadrados de pasta. Deixamos repousar cada peza sobre unha superficie lixeiramente enfariñada.
Unha vez que os ravioli estean secos e consistentes, procedemos a cocelos en abundante auga cun pouco de sal uns 8 minutos.
Retirámolos e colocamos nunha ensaladeira. A continuación, incorporamos os tomates cortados á metade, a cebola en finas tiras, as alcaparras e as follas de rúcula. Salpementamos e aderezamos coa mestura que reservaramos.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.