Ravachol vístese de 'Cremamóbil: incineracións a domicilio' para festexar o Entroido 2015

Pontevedra
16 de febreiro 2015

O loro símbolo destas festas na cidade trata con este disfraz un dos temas máis polémicos de Pontevedra, o da ubicación para a incineradora. Ravachol será enterrado o vindeiro domingo a partires das 20.30 horas

O Ravachol vístese de 'Cremamóbil Incinerador a domicilio'
O Ravachol vístese de 'Cremamóbil Incinerador a domicilio' / Mónica Patxot

Un ano máis, Ravachol lanza os seus dardos críticos ao goberno municipal. O rei do Entroido pontevedrés descubriu este luns o seu segredo mellor gardado, o seu atavío para este ano. E se a última vez o vimos parodiando o 'multamóbil', nesta ocasión centra a súa mirada burlona e irreverente nos crematorios. Así, o famoso loro preséntase este ano como o inventor do Cremamóbil, un proxecto de incineracións a domicilio.

En 2015 cúmprense trinta anos do regreso de Ravachol ao Entroido pontevedrés. Dende entón, incinerouse cada ano na Praza da Ferrería e, claro, os veciños queixáronse. Non os do centro da cidade, senón os do rural. "Ravachol está aquí este ano para reivindicar que todos os pontevedreses, vivan onde vivan, poidan gozar da súa incineración", sinalou a voceira da Asociación Recreativa de Xeve, María Simal.

E para conseguir que todos os pontevedreses "poidan gozar do olor do loro incinerado", o mellor sería ter un crematorio ambulante, como o que propón Ravachol este ano, "un camión crematorio que vaia incinerando cada pontevedrés na súa parroquia", de forma que en cada un destes núcleos "teñan o pracer do aroma da pluma queimada".

O noso querido loro está disposto a ser o primeiro que use este 'cremamobil' particular. Iso si, sen deixar de lado o seu habitual estilo pícaro, burlón e irreverente. Porque o seu novo atavío recolle claramente as súas demandas: Non ao crematorio na Ferrería. Este Ravachol, duns dous metros de altura e que foi confeccionado con máis de 20.000 plumas, está acompañado ademais dunha garrafa de gasolina e dunha caixa de mistos co logotipo de Sogama.

A presentación do Loro Ravachol celebrouse nunha praza da Peregrina á que achegaron centos de pontevedreses. Ao mesmo tempo inaugurouse a recreación da botica de Perfecto Feijóo, farmacéutico e músico pontevedrés, en cuxo establecemento vivía o famoso loro ata o seu falecemento o 27 de xaneiro de 1913. A súa morte foi moi sentida na cidade ao tratarse dun personaxe moi popular entre a sociedade da época.

A súa incineración, debido á suspensión do desfile do Entroido o pasado sábado, trasládase ao próximo domingo 22 de febreiro. A cidade despedirá o Loro Ravachol co tradicional velorio dende as 18.00 horas na Praza da Verdura e co cortexo fúnebre, previo á súa incineración, que sairá ás 20.30 horas.

Acompañado do seu séquito e as comparsas Val do Lérez, Amoriños de Bora, Os Paparrulos, A Esmorga, Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo e Os da Caña, percorrerá as rúas San Román, Ferrería, paseo Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Isabel II, Real, Sarmiento, Pasantería e praza da Ferraría, onde se celebrará a habitual 'velada infausta' durante a cal se queimará ao loro.

Arquivado en