Ravachol súmase á loita contra os eólicos: "Que non nos rouben tamén o vento"

Pontevedra
12 de febreiro 2024

Como cada ano, decenas de persoas achegáronse este luns ata a praza da Peregrina para coñecer de que vai vestido Ravachol. Na recreación da Botica de Perfecto Feijoo, sumáronse curiosos e tamén integrantes da Irmandade do Ravachol, que acompañaron a reivindicación do loro con carteis que defenden "eólicos, así non"

Recreación da Botica de Perfecto Feijoo e presentación do Ravachol 2024
Recreación da Botica de Perfecto Feijoo e presentación do Ravachol 2024

A loita contra os proxectos eólicos que proliferan en toda a xeografía galega chega este ano ao Entroido pontevedrés. O loro Ravachol únese ás reivindicacións e pide o fin dos plans para o Monte Acibal. 

Como cada ano, decenas de persoas achegáronse este luns ata a praza da Peregrina para coñecer de que vai vestido Ravachol. Na recreación da Botica de Perfecto Feijoo, sumáronse curiosos e tamén integrantes da Irmandade oe Ravachol, que acompañaron a reivindicación do loro con carteis que defenden "eólicos, así non".

O famoso loro viste de gris co lema "Acibal sen eólicos" e chegou ata a botica na que cobrou fama cunha reprodución dun dos muiños eólicos dos que se queren instalar neste monte pontevedrés.

María Simal, en nome da Irmandade do Ravachol, leu un texto de Álvaro Lago no que reivindicou que o Entroido é tempo de disfraces e tamén de "quitar a máscara de quen pretenden facer pasar por entroidadas os seus calotes perversos".

"Que non nos rouben tamén o vento, Ravacholiño, que poidamos gozar ata onde pega a volta o aire, meu", pediron os promotores do principal símbolo do Entroido pontevedrés, que critican a aqueles que "pretenden disfrazar de ecoloxía unha especulación pura e dura" a pesar de que causa un dano ás veces irreversible á biodiversidade e á paisaxe, sen xerar emprego pero a aniquilar os que hai na agricultura ou no turismo rural.

Como é habitual, fixeron un pequeno repaso á actualidade e lembráronse un ano 2023 de intensa calor do verán, as xeadas do inverno e os diluvios do outono, aos que "resistimos; coma heroínas en pedra na Alameda, diante das ruínas".

O seu espírito máis reivindicativo tamén tivo unha parada na recente crise ambientan dos granulados ou 'pellets' e lembrou que en Galicia "aturamos que veñan mal dadas, pero nin calamos nin nos resignamos". 

Lembraron, así, que "unha perversa tropa segue a estragar o mar que tanto amamos, a botar nas nosas costas porcalladas contaminantes, a derramar a beleza e a riqueza das nosas augas", que hai "sobrados motivos para protestar" e que estas protestas saen á rúa, como sucedeu co Prestige.

De novo, a sociedade regresou ás praias "para recoller o noxento granulado do que ninguén quere defendernos" e a Irmandade do Ravachol lembra que polo mar "chegáronnos piratas e contaminantes" e, en forma de eólicos, "as labazadas van polo vento e veñen polo aire".