'Ratatouille' de verduras con bonito del norte Pescamar

Pontevedra
23 de setembro 2023

Unha receita que nos trae os sabores de Francia e coa que aproveitaremos todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o bonito do norte    

'Ratatouille' de verduras
'Ratatouille' de verduras / | Codrin Alex en Pexels

Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita que nos trae os sabores de Francia e coa que imos aproveitar todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o bonito do norte.

O bonito do norte é un peixe azul rico en graxa saudable, xa que contén unha gran cantidade de ácidos graxos poliinsaturados. A esta calidade, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde da súa presentación en aceite de oliva.

A 'ratatouille' é un prato típico da cociña francesa, orixinario da rexión de Provenza e do antigo condado de Niza. Consiste nun guiso de tomate, allo, pemento morrón, cebola, cabaciña e berenxena en aceite de oliva. Aromatízase con herbas provenzais, como o tomiño, romeu, ourego, loureiro ou albáfega, mestura que se vende en tendas de alimentación xa preparada.

Para preparar unha saborosa 'Ratatouille' de verduras con bonito do norte Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 2 latas de bonito do norte en aceite de oliva Pescamar

- 1 cabaciña

- 1 berenxena

- 2 tomates

- Aceite de oliva virxe extra

- Sal

- Herbas provenzais secas (romeu, ourego, albáfega, tomiño...)

- Para a salsa de tomate:

   - 1 cullerada de aceite de oliva virxe extra

   - 1 cebola mediana

   - 1 dente de allo

   - 2 tomates maduros

   - 1 pemento vermello

   - Ourego

   - Sal

   - Pementa negra

Preparación da salsa de tomate:

Na tixola poñemos o aceite de oliva a quentar. A lume medio, cociñamos a cebola picada. Cando comece a facerse, incorporamos o dente de allo cortado moi fino e fritimos dous minutos.

Namentres, pelamos os tomates, retirámoslles a polpa e picámolos. Limpamos o pemento e cortamos tamén en pequenos anacos. Engadímolos á tixola e deixamos cociñar a mestura a lume lento durante 25 minutos. Remexemos suavemente ata que se forme unha salsa espesa. Rectificamos de sal e engadimos o ourego e a pementa negra. Reservamos a salsa.

Preparación da 'ratatouille': 

Poñemos a prequentar o forno a 180 graos.

Á parte, lavamos e secamos a cabaciña, a berenxena e os dous tomates. Cortamos en toros finos de tamaño similar, aproximadamente medio centímetro.

Nunha fonte redonda para forno vertemos a salsa de tomate e estendémola ata formar unha base. Esparexemos por riba o bonito do norte en aceite de oliva Pescamar escorrido e esmigallado. A continuación, colocamos as rebandas das verduras formando unha espiral, empezando desde fóra e rematando no centro, alternando entre elas. 

Por riba das verduras, engadimos sal ao gusto, empoamos coas herbas provenzais e cun chorro de aceite de oliva virxe extra.

Tapamos a fonte con papel de aluminio, para que as verduras queden tenras pero non se queimen. Introducimos a fonte no forno a altura media e enfornamos 60 minutos a 180 graos.

Pasado ese tempo, sacamos o recipiente, retiramos o papel de aluminio e volvemos introducilo no forno durante uns 20 minutos ata que as verduras estean douradas. 

Levamos á mesa o 'ratatouille' na mesma fonte. 

En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.