Camisetas a un euro, chaquetas a dous... Produtos de segunda man a prezos ao alcance de todos poden adquirirse de novo na rúa Cruz Vermella no local da Asociación Boa Vida, un colectivo que ten como principal obxectivo a loita contra a pobreza e favorecer o acceso ás oportunidades daquelas persoas que se encontran en risco de exclusión social.
Aurora Coego, educadora e voluntaria coordinadora deste rastro de carácter solidario, explica que este espazo se volveu abrir como resposta á demanda de numerosas persoas que se achegaban pola zona preguntando polo rastro da 'Movida Trapera' da asociación que se puxera en marcha durante o nadal.
Naquela ocasión a experiencia resultou moi positiva e por iso decidiron volver recuperar esta iniciativa con roupa de segunda man, zapatos e tamén coa venda de produtos orixinais como o 'escorpión picafixos', un invento para cortar a fita adhesiva de Pilar de Francisco Pardo, unha ourensana residente en Pontevedra que realizou a partir de disquettes e de chapas de aluminio para evitar que se teñan que utilizar as dúas mans para cortar o celo.
A inventora explica que foron os seus compañeiros de oficina que a animaron a patentalo e, na actualidade, estase a fabricar en Granada con material reciclado. No rastro de Boa Vida véndese a 1 euro e serve como axuda a este colectivo.
Quince persoas levan a cabo este proxecto. Dúas técnicas voluntarias encóntranse á fronte das persoas en situación de dificultade que, a través deste rastro, aprenden técnicas prácticas para atender ao público, manexar a caixa ou realizar escaparates.
As persoas que estean interesadas en doar roupa ou outro material poden entregalo no local da asociación na rúa Cruz Vermella ou mesmo se se trata de moitos obxectos, a asociación pode chegar a buscalo a domicilio.