O Casal de Ferreirós acollía este venres a xornada para avaliar o Programa Especialistas en Cooperar, que desenvolve o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Por parte do Concello de Poio participaba a directora do Centro de Información á Mulller (CIM) de Poio, Raquel Morales, que se desprazou en outubro a Mozambique para colaborar nun programa coeducativo para prevención da violencia de xénero.
Os catro representantes municipais de Galicia que participaron nesta proposta procedentes de Poio, Boiro, Rianxo e Lousame, explicaron durante esta sesión as súas experiencias no país do sur de África.
A participación de Raquel Morales centrouse no traballo elaborado coa especialista da área de Igualdade da Fundaçao Encontro na diagnose de xénero nos centros infantís situados en cinco comunidades rurais de Boane.
A directora do CIM avalía de maneira moi positiva a experiencia desde o punto de vista persoal e profesional ao organizar e executar actividades coeducativas no ámbito da prevención de condutas agresivas contra as mulleres. A esta sesión de traballo no Casal de Ferreirós acudiu a concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, que destacou a importancia destes proxectos para sensibilizar na eliminación de desigualdades.