A programación do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, incluirá este ano 2023 en Bueu un acto de recoñecemento a Raquel Álvarez Martínez, veciña do municipio galardoada nos VII Premios Sofía Novoa de perspectiva de xénero da Deputación de Pontevedra, polo traballo de fin de mestrado 'O traballo por proxectos e o álbum ilustrado para promover a igualdade de xénero en educación infantil'.
O acto abrirá a programación ás 19.00 horas do 8 de marzo na sala multiusos do Centro Social do Mar e acollerá tamén unha charla de Raquel Álvarez.
A continuación, ás 20.00 horas, terá lugar a concentración feminista na que se dará lectura á declaración institucional do Concello con motivo desta data, e na que se mostrará a preocupación ante o aumento da fenda de xénero por mor da destrución e das altas taxas de emprego temporal nas mulleres.
O manifesto tamén abordará a necesidade dunha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres.
Así mesmo, a declaración avanza,segundo sinalou o Concello, "o firme compromiso para continuar, dentro das nosas competencias, a promover accións e proxectos que fomenten a igualdade e, concretamente, a iniciar nos próximos meses os trámites necesarios para o nomeamento dunha praza ou espazo público como Praza das Mulleres".
O 10 de marzo presentarase na Sala Multiusos do Centro Social do Mar o libro Así fala Penélope (unha antoloxía de xénero), de Marta Dacosta, no que tamén está previsto un recital poético coa poeta de Bueu Lucía Novas e un grupo de alumnas do IES Johan Carballeira de Bueu.
Ese día, ás 21 horas, no Auditorio do Centro Social do Mar proxectarase o filme The Assistant, da man do Cineclub Bueu, con entrada de balde ata completar capacidade. O filme conta a vida de Jane, graduada universitaria e aspirante a produtora de cine, quen consegue un traballo aparentemente ideal pero rapidamente é sometida a abusos na súa xornada laboral, descubrindo un sistema machista que violenta continuamente as mulleres.
O 11 de marzo a cidadanía poderá gozar de “8(M)ulier”, un contacontos de Trémola Teatro para público adulto, que se desenvolverá 21.00 horas no Centro Social do Mar, tamén con entrada de balde.
O 17 de marzo, o Club Golfiños celebrará a súa gala VI Homenaxe Bueuesa Senlleira, na que homenaxearán ao colectivo das farmacéuticas na figura de Carmen Outeda.
O Concello tamén programará diversos actividades sobre igualdade de xénero destinadas ao alumnado dos centros educativos, tanto de primaria como de secundaria. Dunha banda, 'Xogando sen xénero' vai destinada aos de primaria, e os nenos e nenas poderán gozar de xogos populares sen cores nin sexualización con xogos de todos os tempos para ser libre e respectar a diversidade das persoas. A actividade desenvolverase o 8 e 10 de marzo entre as 11 e as 13 horas na Praza Massó.
Para os niveis de secundaria proponse unha experiencia de pintura urbana tamén na Praza Massó con Asun González e Franck Sastre, que levan máis dunha década pintando xuntas en moitos espazos e que desenvolverán un mural coa temática da igualdade o 8 e 10 de marzo entre as 17 e as 18 horas.
O Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría da vila, coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), organizan do 8 ao 12 de marzo as 'I Xornadas gastronómicas en feminino Bueu', unha iniciativa para poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Un total de trece locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Bea Sotelo, unha cociñeira natural da comarca do Morrazo que conta cunha Estrela Michelín e que é todo un referente a nivel culinario, e que destaca polo seu labor de visualización da muller na cociña.