Ramonas, as Pussy Riot galegas, reivindicarán o debate feminista na Ferrería o 22 de marzo

Pontevedra
05 de marzo 2019

Ramonas On Tour, un proxecto feminista e reivindicativo da Deputación que ten como finalidade visibilizar o debate arredor do feminismo como actitude para a consecución da revolución social.

Presentación da xira Ramonas On Tour
Presentación da xira Ramonas On Tour / Victoria Regueira

Ramonas On Tour é un proxecto feminista e revolucionario recollido na programación da Deputación de Pontevedra de cara ao día internacional da muller. O compromiso do goberno provincial coa cuestión feminista é algo visible a través de numerosas accións, sempre destinadas a estender e reivindicar a igualdade, ao mesmo tempo que se expoñen as inxustizas que afectan ás mulleres en todas as facetas da sociedade.

Nesta ocasión, a protagonista será Ramonas, unha banda musical composta por mulleres que ten como meta visibilizar o debate arredor do feminismo como actitude para a consecución da revolución. O grupo toma como inspiración as mulleres zapatistas de 1993, responsables da Lei Revolucionaria de Mulleres, e as bandas de punk de 1991 en Washington, que publicaron o manifesto feminista “Riot Grrrl”.

Con estes elementos como consigna, realizarán a xira Ramonas On Tour, na que pasarán por Vigo e Pontevedra realizando concertos, obradoiros xuvenís onde concienciarán a alumnado da ESO sobre as inxustizas relacionadas coa cuestión de xénero, unha proba de son didáctica, unha exposición sobre a muller na música e conferencias onde mulleres da industria creativa relatarán as súas experiencias.

A iniciativa chegará a Pontevedra o venres 22 de marzo e estará presente na Praza da Ferrería. A apertura da exposición será ás 10:00 co taller sobre relacións tóxicas e igualdade para alumnos de 3º e 4º da ESO. Ás 11:30 celebrarase o concerto didáctico, aberto a alumnado de todos os cursos da ESO.

Xa pola tarde, ás 19:00, terán lugar as conversas “Nunca máis sen nosoutras”, onde tres mulleres da industria cultural eporán as súas vivencias. Ás 22:00 as Ramonas darán un concerto no que contarán con artistas convidadas, coincidindo co fin dunha xornada de reivindicación e loita feminista.