Ramallo sinala o Auditorio como "punto de inflexión da realidade cultural da nosa vila"

Marín
01 de decembro 2023

O Concello de Marín fixo balance este xoves no Museo Torres da transformación propiciada polos fondos europeos da man de plans como o Marín Dusi ou o Sustentabilidade Turística  

Acto de clausura de Marín Dusi
Acto de clausura de Marín Dusi / Concello de Marín

O Concello de Marín fixo balance este xoves no Museo Torres da transformación propiciada  polos fondos europeos da man de plans como o Marín Dusi ou o Sustentabilidade Turística.

En cifras, o Marín Dusi supuxo: 1.780 metros de carril bici e peonil feitos; 24.000 metros cadrados recuperados para o uso da cidadanía; máis de 8.000 metros cadrados de zonas axardinadas; máis de 150 árbores plantadas; máis de 900 metros cadrados de recreo infantil; máis de 140 luminarias LED; unha administración electrónica renovada e aberta os 365 días ao ano e unha aplicación de control do estacionamento. 

Pero a estrela deste plan é o Auditorio, un equipamento sociocultural en execución, con 550 butacas, 4 aulas formativas, 1 salón multiusos e 1 oficina turística virtual.

Segundo resumiu o concelleiro Manuel Santos "investimos en proxectos sólidos, esenciais, que axudan a dar pasos no Marín que estamos construindo". 

Santos incidiu en que "Marín vai saldar unha débeda histórica coa súa veciñanza e a súa cultura" xa que "o ano que vén a estas alturas estaremos mercando unha entrada para un espectáculo no noso novo Auditorio".

"Será un punto de inflexión da realidade cultural da nosa vila", completou a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

A alcaldesa sinalou que "xestionar fondos europeos non é unha tarefa sinxela" xa que os municipios do tamaño de Marín entran no mesmo saco que as grandes cidades, coas que compiten en desigualdade ao ter que facer a mesma xestión con menos recursos económicos e menos persoal. 

Por último, Ramallo destacou o reto acadado polo Concello "ter todos os deberes feitos para poder seguir conseguindo financiación para a nosa vila, á mesma altura que as grandes cidades de Galicia e do resto de España".