Ramallo asegura que a "información oficial" é que o centro de saúde de Seixo "non pecha"

Marín
09 de xullo 2021

"Como institución, non podemos apoiar un hipotético peche que tal e como nos indica a información oficial nin se produciu, nin se vai producir". Así interveu este xoves a alcaldesa de Marín, María Ramallo, no pleno da corporación para referirse á moción debatida en torno ao centro de saúde de Seixo.

Centro de saúde de Seixo
Centro de saúde de Seixo / Mónica Patxot

"Como institución, non podemos apoiar un hipotético peche que tal e como nos indica a información oficial nin se produciu, nin se vai producir". Así interveu este xoves a alcaldesa de Marín, María Ramallo, no pleno da corporación para referirse á moción debatida en torno ao centro de saúde de Seixo.

Tal e como explicou a rexedora para argumentar a postura do Concello ante a moción que se debateu en sesión plenaria, a cuestión ten que ver coa xubilación dun dos médicos do centro, que se fará efectiva o 15 de agosto.

A alcaldesa defendeu que a "nosa obriga" como Concello é trasladarlle á veciñanza de Seixo a "información oficial" que lles chega, "xa que non temos motivos para non crer o que se nos di en público e en privado".

A pesar destas garantías, desde a plataforma pola defensa do centro de saúde de Seixo manteñen a manifestación prevista para esta tarde, ás 20:30 horas, ao entender que "non podemos fiarnos" das autoridades sanitarias porque "sobran exemplos de recortes".

"Non queremos chegar ao 15 de agosto e atoparnos coa praza dun dos médicos que marcha por xubilación e a do outro que marcha de vacacións sen cubrir, e que aproveiten para mandarnos a todos a Marín", aseguran, recordando que no rural "tamén temos dereitos".

Por outra banda, o pleno tratou a moción conxunta presentada por todos os portavoces dos tres grupos, PP, PSOE e BNG, para solicitar á dirección de Abanca que reconsidere o peche da oficina de Seixo.

ORDENANZA DE TERRAZAS

O pleno da corporación tamén deu luz verde á aprobación inicial da ordenanza reguladora das licenzas de instalacións de terrazas, que actualiza esta normativa no municipio e que porá as bases para a homoxeneización da estética deste mobiliario.

A concelleira de Medio Ambiente e Benestar Social, Marián Sanmartín, explicou que o obxectivo é "asegurar unha axeitada conciliación destes usos co disfrute dos espazos públicos pola veciñanza e os visitantes".

Despois desta aprobación inicial, agora iniciarase un período de exposición pública para a realización de alegacións, para así despois proceder á súa aprobación definitiva.