Rajoy volve criticar a súa declaración de 'non grato' en Pontevedra: "Ese no es el procedimiento para hacer política"

Pontevedra
07 de maio 2016

Nun acto en Ourense, o presidente provincial de Novas Xeracións do PP de Pontevedra, Pablo Carollo Ramos, trasladoulle unha mensaxe en nome dunha delegación de mozos do partido: "Para los afiliados de tu provincia y tu ciudad, no sólo eres una persona muy grata, sino que estamos profundamente orgullosos de que el presidente nacional sea pontevedrés"  

Mariano Rajoy, Ana Pastor e Alberto Núñez Feijóo, no acto organizado por Novas Xeracións do PP en Ourense
Mariano Rajoy, Ana Pastor e Alberto Núñez Feijóo, no acto organizado por Novas Xeracións do PP en Ourense / PontevedraViva

A declaración do presidente do Goberno en funcións e líder do PP, Mariano Rajoy, como 'persoa non grata' na súa cidade, Pontevedra segue dando que falar máis de dous meses e medio despois do polémico Pleno no que se aprobou. Este venres, o aludido volveu referirse a esta circunstancia en Ourense, nun encontro con 300 mozos de Novas Xeracións do seu partido no que asegurou que "sinceramente, creo que ese no es el procedimiento para hacer política".  

As palabras de Rajoy foron unha resposta a unha interpelación previa do presidente provincial de Novas Xeracións do PP de Pontevedra, Pablo Carollo Ramos. No acto tomaron a palabra varios mozos do partido para trasladar as súas dúbidas e preguntas ao presidente e, no seu caso, quixo empezar a súa quenda para falar en nome dunha delegación de mozos da cidade e a provincia e "transmitirle un mensaje". 

"Para los afiliados de tu provincia y tu ciudad, no sólo eres una persona muy grata, sino que estamos profundamente orgullosos de que el presidente nacional sea pontevedrés", foi o contido central desa mensaxe, no que criticou que "algunos se empeñen en convertir la política en un circo".

Agradecido por esas "pontevedresas palabras", Rajoy trasladoulle que esa forma de facer política como a que o levou a ser 'non grato' na súa cidade a proposta de Marea Pontevedra e o PSOE e cos votos a favor do BNG, "no conduce a nada, no sirve para nada más que para generar tensiones". Ao seu xuízo, de feito, o "único aspecto positivo" de iniciativas como esa, na que o PP se abstivo porque se levantou do Pleno no momento da votación e Ciudadanos votou en contra, é que se converten en "modelo de lo que no se debe hacer".

Tanto as palabras de Pablo Carollo como as de Rajoy espertaron unha das ovacións máis grandes das que se viviron no acto celebrado en Expourense.