Mariano Rajoy será declarado 'persoa non grata' na súa propia cidade, Pontevedra. Será a partir do luns, día no que o Pleno da corporación municipal, aprobará unha moción presentada por PSdeG-PSOE e Marea neste sentido e que contará co apoio do BNG, segundo avanzou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
"Ten máis que merecido esta declaración como persoa non grata", dixo Fernández Lores ante a actuación dun Rajoy que, na súa opinión, "non respondeu ás expectativas que os pontevedreses deberiamos ter dun presidente do Goberno que é de Pontevedra".
A pesar de todo, o alcalde asegura que esta moción "non resolve nada" porque para o goberno municipal Mariano Rajoy "xa é persoa non grata desde hai moito tempo" e pediu que esta declaración formal "non nos despiste do fondo da cuestión", que segue sendo, sinalou, frear a prórroga concedida a ENCE por parte do Goberno en funcións.
Esta decisión, explicou Lores, vai máis aló de Mariano Rajoy xa que, segundo apunta, foi tomada "non só polo, senon polo que eu chamo as cloacas do Estado", que entende están "ao servizo das grandes empresas" e priman eses intereses sobre os cidadáns.
Ademais, o Pleno do próximo luns acordará senllas declaracións institucionais sobre o 8 de marzo e de apoio ao sector pesqueiro polo anteproxecto da lei de acuicultura.
O Partido Popular presentou seis mocións para esixir ao Concello que busque terreos para a planta de biomasa de ENCE, para que se devolva o diñeiro cobrado irregularmente polo saneamento do rural, para que se organice unha gala do deporte local, para que se busquen terreos e se dote a Lourizán dun novo campo de fútbol, para regular os lombos e para crear unha comisión de investigación sobre Cespa e Aquagest.
Con respecto a este asunto, Fernández Lores explicou que se solicita coñecer o cumprimento e execución dos contratos con ambas as compañías algo que, segundo explica, depende os funcionarios municipais. Por iso, o alcalde lamentou que o PP pida unha comisión de investigación "porque ten dúbidas do traballo dos funcionarios" e cre que se trata dun intento de "facer barullo" para que non falar de ENCE e da corrupción "xeralizada" no PP.
Os socialistas, pola súa banda, presentarán unha moción para impulsar o ENIL da Xunqueira de Alba, outra para disolver o IMD e crear un Consello Municipal de Deportes e unha terceira para declarar o 24 de febreiro como Día de Rosalía; mentres que Marea fará o propio cunha moción sobre a praza da Castaña e fará tres preguntas sobre o convenio da praza de touros, os desfibriladores municipais e a prohibición de acceder a Pasarón con pancartas.