Podíase pasar lista, que non faltaba ninguén. O auditorio de Afundación recibiu este venres a Mariano Rajoy abarrotado e entregado no que era o seu regreso tras dez meses de silencio e afastado da política activa. A reaparición serviu para facer unha exhibición de forza do PP a nivel estatal e galego, con cargos internos e electos chegados de toda Galicia, Alberto Núñez Feijóo á cabeza, e para render homenaxe a quen foi o seu presidente nacional durante 14 anos.
O propio Rajoy, que chegou hiperpuntual e cun rostro sereno que só pode ser froito de meses afastado das tensións da primeira liña política, explicou que "mi primer mitin, no había alternativa, tenía que ser en Pontevedra". E detallou tamén por que: "por infinidad de razones de todo tipo, pero también porque aquí empecé yo mi trayectoria política".
O acto, concibido inicialmente como un mitin para pedir o voto para unha candidatura do PP a nivel provincial ao Congreso dos Deputados encabezada por Ana Pastor, converteuse na homenaxe que non tivera Rajoy tras a súa despedida da Presidencia do Goberno e do PP. Non faltou un emotivo vídeo cun repaso á súa traxectoria política e a recuperación dun discurso no que el mesmo proclamaba unha frase premonitoria da importancia que ten nestas eleccións deixar claro quen é a opción política de ultradereita: "Muchas veces hay que quedarse en el término medio, que es dónde está la virtud".
Tampouco faltaron as palabras de grandes amigos e compañeiros de catro décadas de vida política como Carmela González, José Acuña Xastre, Matías de Cabo, Alfonso Rueda, Rafael Louzán, José Benito Suárez Costa, Ana Pastor, Alberto Núñez Feijóo ou Pablo Casado. E, como colofón, ao propio homenaxeado dando as grazas, convencido de que "el mejor patrimonio que puede tener una persona es familia y amigos. Y lo demás es literatura".
A homenaxe empezara co arranque mesmo do acto, con Rafa Domínguez, presidente do PP local e alcaldable de Pontevedra nas eleccións municipais de maio, reivindicándolle como "el mejor presidente de la historia de la democracia en España" e reflexionando: á vista dos centos de persoas que estiveron horas facendo cola para abarrotar o acto, dos decenas que tiveron que seguilo por unha pantalla e do agarimo que lle profesaron en canto saíu do coche, "¿alguien puede pensar que para Pontevedra Mariano Rajoy es una persona non grata?".
A pregunta respondeuna el mesmo. Non. E reforzou a resposta cun "Mariano, Pontevedra te quiere" e unha longa lista de virtudes de quen "cogió un país arruinado por los socialistas" para convertelo en "el país que más crecía de Europa" e "cogió un país que era el ejemplo de la mala gestión y lo dejó siendo un ejemplo de cómo se sale de una crisis económica".
Domínguez agradeceulle tamén que fose o presidente que "le devolvió a España el empleo y nos devolvió a todos la dignidad" e reivindicou a súa figura ante unha Pontevedra actual na que "no temos ni empleo ni dignidad". Anunciou ademais que romperá a promesa realizada o pasado verán a Rajoy de que, se chega a alcalde, a súa primeira medida sería retirarlle o nomeamento de 'persoa non grata' que ten desde xaneiro de 2016. Será a segunda medida, cinco minutos despois de retirar o recurso interposto polo Concello de Pontevedra contra a prórroga á permanencia da factoría de Ence na Ría .
Tampouco escatimaron en eloxios Ana Pastor nin Alberto Núñez Feijóo. Mentres a candidata ao Congreso destacou que é "la persona que supo unir y mantener vivo a este partido" e que demostrou "una lealtad enorme a España", o presidente galego resaltou que "nunca cedió un milímetro a un chantaje ni tuvo que llamar insistentemente a Otegui y la Batasuna- Bildu" e que "antes de ser presidente con los apoyos que tuvo Pedro Sánchez prefirió ser ex presidente".
Tras un forte aplauso que o acompañou desde o público e o atril, e bañado por berros de "presidente, presidente", Rajoy agradeceu "de corazón" este recoñecemento do partido ao que entregou "una parte importante de mi vida" e pediu o voto para un PP do que lembrou que gañou sempre todas as eleccións ás que se presentou na provincia de Pontevedra.
"37 elecciones en la provincia de Pontevedra, 37 victorias del Partido Popular", presumiu, e vaticinou que "igual que las 37 veces anteriores, vamos a ganar las generales (del 28A) en la provincia de Pontevedra". Farano porque, como nas anteriores ocasións,"la gente nos dio su confianza". "La confianza no se da gratis, ni en política ni en ninguna faceta de la vida" e o PP gañouna, ao seu xuízo, "porque actuamos con mesura, equilibrio, buen sentido y nos dedicamos a resolver los problemas de la gente".
Nun regreso á primeira liña no que non faltaron as referencias veladas a Albert Rivera, Pablo Iglesias, Pedro Sánchez ou Santiago Abascal, mostrouse seguro de que o PP gañará as eleccións en todas as provincias galegas e en toda España, onde desde 2009, dez anos atrás,"no dejamos de ser nunca la primera fuerza política". Invocou, para facelo, ao "sentidiño" de todos os galegos.