Rajoy non denunciará ao rapaz que o agrediu en Pontevedra

Pontevedra
17 de decembro 2015

Fontes xurídicas sinalaron a PontevedraViva que, a pesar de que non se presente denuncia contra o menor, esta circunstancia non afecta o procedemento e a actuación xudicial seguirá de oficio. De feito, reiteran que o mozo podería enfrontarse a unha condena de ata seis anos de internamento nun centro de menores

Mariano Rajoy logo da agresión
Mariano Rajoy logo da agresión / Mónica Patxot

Mariano Rajoy non presentará denuncia contra o mozo de 17 anos que o agrediu este mércores en plena Praza da Peregrina, mentres se atopaba dando un paseo electoral pola cidade de Pontevedra.

Así o confirmou a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría. "Esto no debería haber ocurrido, pero es una cuestión que ya tiene que decidirse en otras instancias", afirmou respecto da brutal puñada que recibiu Rajoy do seu agresor.

Fontes xurídicas sinalaron a PontevedraViva que, a pesar de que non se presente denuncia contra o menor, esta circunstancia non afecta o procedemento e a actuación xudicial seguirá de oficio. De feito, reiteran que o mozo podería enfrontarse a unha condena de ata seis anos de internamento nun centro de menores.

Por outra banda, o propio presidente Goberno confirmou que continuará cos actos de campaña e seguirá a axenda prevista sen ningún cambio.

En declaracións realizadas en Barcelona, cidade á que viaxou tras o mitin de onte á noite na Coruña, afirmou que seguirá dando paseos pola rúa e facéndose 'selfies' coa xente porque "no tenemos por qué cambiar en absoluto nuestra forma de hacer campaña".

Rajoy engadiu que non hai que darlle á súa agresión "más importancia de la que tiene" porque España é un pobo "civilizado, tranquilo y moderado", aínda que de cando en vez haxa unha "excepción" á regra.

Tras asegurar que se atopa ben e que "xa pasou", recoñeceu que nas últimas horas recibiu moitas chamadas de persoas que quixeron preguntar polo seu estado e mostrarlle o seu apoio ante o sucedido. En todo caso, explicou que non tivo tempo de contestalas e procurará facelo en "as próximas datas".

DESCARTA UN FALLO DE SEGURIDADE

Mariano Rajoy descartou tamén esta mañá que a agresión se haxa debido a un fallo de seguridade e agradeceu o traballo aos seus escoltas e a como lle coidaron " durante este tiempo". Tras asegurar que un incidente deste tipo "es imposible evitarlo", o presidente do Goberno insistiu no carácter excepcional desta agresión porque "yo he recorrido España de un lugar a otro y no he tenido problema".