Rajoy e Casado, xuntos en Pontevedra para reivindicar a Feijóo como o "mejor presidente" da historia de Galicia

Pontevedra
27 de xuño 2020

A Pontevedra regresaba o presidente galego, que opta ao seu cuarto mandato á fronte da Xunta, e facíao arroupado por Mariano Rajoy e Pablo Casado. É a segunda vez que ambos comparten mitin e fixérono para reivindicar a xestión de Núñez Feijóo en Galicia.

Mitin do PP en Pontevedra con Pablo Casado, Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo
Mitin do PP en Pontevedra con Pablo Casado, Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo / Mónica Patxot

De novo, a praza de touros de Pontevedra, un recinto 'fetiche' para o PP -utilizado sempre desde a primeira vitoria de Alberto Núñez Feijóo en 2009-, foi o escenario no que os populares galegos quixeron mostrar a súa unidade ante as eleccións do próximo 12 de xullo.

Iso si, a diferenza dos miles de asistentes de ocasións anteriores, as restricións polo coronavirus limitaron o aforo do primeiro acto de campaña de Núñez Feijóo a unhas 350 persoas que, con máscara e sentados en cadeiras separadas, repartíanse entre a area e as bancadas do coso de San Roque.

A Pontevedra regresaba o presidente galego, que opta ao seu cuarto mandato á fronte da Xunta, e facíao arroupado por Mariano Rajoy e Pablo Casado. É a segunda vez que ambos comparten mitin e fixérono para reivindicar a xestión de Núñez Feijóo en Galicia. 

Desde a tribuna, o candidato do PP pediu aos galegos que non condenen a Galicia á "fragmentación política de bloque" coa que "algúns dividiron a España", reclamando que as eleccións non se reduzan a unha "cuestión de partidos, de siglas e de logotipos".

A prioridade debe ser, sinalou Núñez Feijóo, a recuperación económica, social e laboral tras a crise provocada pola COVID-19 e mostrouse convencido de que Galicia dará un "exemplo de sentidiño, serenidade, tranquilidade, moderación e unión a toda España".

O presidente galego destacou que "fai máis falta que nunca" que Galicia aposte pola "estabilidade" e a "experiencia" na xestión para iniciar a recuperación "desde o primeiro día" e lograr que Galicia "canto antes" alcance a "normalidade plena".

O PP ten en Galicia, apuntou o candidato á reelección, un programa "probado" e "froito da experiencia" de once anos de goberno xestionando "vacas fracas" cun equipo "único e sólido" no que non houbo "nin unha soa fisura" e atendendo as necesidades dun pobo que "acreditou" unha "enorme capacidade" de superación.

Tras "meses tristes e escuros", engadiu Núñez Feijóo, os galegos deben "volver unirse" e encher as urnas de xente que vote, dixo, pola "liberdade, benestar e futuro" de Galicia, afastándose de "posturas extremistas" e optando por "experiencia fronte aos experimentos" e por un único goberno fronte a un "multipartito".

LONGA OVACIÓN A RAJOY

Ao comezo do mitin, o presidente do PP en Pontevedra, Alfonso Rueda, tivo unhas palabras de afecto para o ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy, pola súa presenza en Pontevedra, cidade na que segue vixente a declaración de persoa 'non grata'.

"Canto máis se empeñen en dicir que esta cidade non te quere, máis demostra que te quere", asegurou Rueda entre os aplausos dos asistentes, ovación que se repetiu durante un longo período cando Rajoy subiu ao estrado para iniciar a súa intervención no mitin.

Afirmou que era un "honor" participar neste acto "en casa" aínda que xa non sexa "candidato a nada" nin estea na política activa, porque "me sigue importando lo que pasa en Galicia y en España y porque creo en mi partido", augurando que sacará un "gran resultado".

Galicia "está mejor" con Feijóo como presidente, defendeu Rajoy, algo que "nadie o casi nadie discute" porque "son pocos los que no lo ven o no lo quieren ver"

O ex presidente do Goberno destacou que Núñez Feijóo é o "mejor presidente que puede tener Galicia", algo que ao seu xuízo demostrou coa "lección de serenidad, tranquilidad y hacer las cosas bien" ante os "tiempos difíciles" da pandemia do coronavirus.

Segundo Rajoy, a decisión nas eleccións do 12 de xullo está entre ter un presidente do "razonable, capaz, eficaz e integrador" que representa á "gran mayoría" dos galegos ou por un "bipartito para olvidar", como o que xa gobernou en Galicia, pero "multiplicado por dos", en referencia aos catro partidos de esquerdas que se presentan a estes comicios

Galicia "está mejor" con Feijóo como presidente, defendeu Rajoy, algo que "nadie o casi nadie discute" porque "son pocos los que no lo ven o no lo quieren ver", xa que segundo o dirixente do PP "no es doctrinario ni sectario" e goberna "para todos".

CASADO ELOXIA A FEIJÓO

Tamén Pablo Casado, ao que lle regalaron unha máscara co lema electoral do PP en Galicia que non dubidou en poñerse, eloxiou a figura de Alberto Núñez Feijóo.

Dixo que é a persoa que "mejor ha protegido" á comunidade galega ante a pandemia e "el mejor presidente de la historia de Galicia", destacando que é "garantía de futuro" para esta terra porque "siempre ha antepuesto los intereses de sus habitantes a los suyos propios".

Casado confía en que, do mesmo xeito que sucedeu en 2009 con Rajoy, unha vitoria de Núñez Feijóo en Galicia, poida "catapultar" ao partido como alternativa no Goberno de España.

Casado confía en que, do mesmo xeito que sucedeu en 2009 con Rajoy, unha vitoria de Núñez Feijóo en Galicia, poida "catapultar" ao partido como alternativa no Goberno de España

O líder do PP nacional situou a Feijóo como un exemplo de xestión e advertiu que o seu proxecto "exitoso" non pode ser substituído por "catro fallidos", en referencia a unha posible alianza dos partidos de esquerda e advertiu de que nestas eleccións fálase de cuestións que afectan "a toda España", como o emprego.

Pablo Casado, que reclamou "soluciones" para Ence, lamentou que Pedro Sánchez non estea "comprometido" con Galicia e só veña a esta comunidade para "insultar con impotencia del mal jugador del fútbol" mentres o seu partido "juega al Risk" co territorio español.

Nese sentido, Casado espera que tanto os galegos como os españois volvan confiar no PP, un partido "responsable" que, segundo concluíu, é a "mejor garantía" para que Galicia e España "salga de este atolladero" e podamos "vivir tranquilos en una nación unida".